[16-09-2015] O Concello de Ames súmase ao programa “Móllate cos ríos”, unha acción de limpeza simultánea de ríos que organiza a Asociación para A Defensa Ecolóxica de Galicia (ADEGA). A través da concellaría de Medio Ambiente, o goberno de Ames convida á cidadanía a que o día 27 de setembro colabore na recollida de todos aqueles refugallos que presentan un perigo para o ecosistema e que supoñen un impacto visual negativo. O espazo elixido para esa xornada de limpeza é un treito do río Sar o seu paso polo municipio de Ames. Os interesados/as en participar poden inscribirse chamando ao teléfono 660 004 665 ou enviando un correo a o enderezo electrónico concellaría de medio ambiente auladanatureza@concellodeames.org.
A Asociación ADEGA a través do programa “Proxecto Ríos” ven organizando un día de Limpeza Simultánea en toda Galiza dende os últimos sete anos. Trátase dun xornada na que os voluntarios e voluntarias saen aos seus ríos para recoller o lixo que atenta contra a riqueza, valor e beleza dos ecosistemas fluviais. O concello de Ames, como xa fixera nalgunha outra ocasión, súmase a esta iniciativa e fai un chamamento aos veciños e as veciñas para que participen nesta acción.
Coa finalidade de formalizar este apoio, a concelleira de Medio Ambiente, Catuxa García e o coordinador do Proxecto Ríos”, Paco Bañobre, asinaron un acordo de colaboración entre a entidade ADEGA e o concello de Ames co obxectivo de ”executar un proxecto de custodia fluvial no ámbito do concello de Ames”.
No acordo especifícase que se abordará a limpeza dun treito do río Sar o seu paso polo municipio de Ames e que esta acción se enmarcará dentro da actividade global “VIII Limpeza Simultánea de Ríos”, coordinada por ADEGA.
O Concello fai unha serie de recomendacións para que o desenvolvemento da xornada se realice con éxito e sen perigo para os voluntarios e voluntarias. Todas estas recomendacións inciden na necesidade de contar con algunhas medidas de seguridade elementais para non mancarse ao retirar o lixo. Así, recoméndase non arriscar a integridade física por tentar retirar lixo de zonas perigosas ou pouco accesibles. Índicase tamén que cando se levanten pesos, se faga sempre esa acción dobrando os xeonllos e pedindo axuda a outros compañeiros/as para recoller os refugallos máis pesados. No caso de atoparse con cristais, vidro, ferralla, ou outro material cortante retiralo coa maior precaución posible.
O Concello insiste en que si no grupo van nenos/as hai que ter boa conta deles e non deixalos sós. As recomendacións do Goberno fan fincapé tamén en que se teña coidado coas zonas de corrente forte e profunda e en que non se debe traballar de costas ao río, sobre todo si se está arrincando algo que está enterrado xa que nesas circunstancias hai máis perigo de caer ao río.
Desde o departamento de Medio Ambiente, a concelleira Catuxa García anima aos veciños e veciñas de Ames a “ir ao río e colaborar na recollida dese lixo que acaba coa súa biodiversidade e beleza”, ao tempo que recorda que “ademais do feito en si de colaborar na limpeza e salubridade dos nosos ríos, a actividade ten o obxectivo de concienciar á sociedade da necesidade de que os nosos ecosistemas fluviais estean ben conservados e de facer patente que a presenza de lixo é unha ameaza constante que sofren os cursos fluviais”.
Os interesados/as en participar no programa “Móllate cos ríos” poden inscribirse chamando ao teléfono 660 004 665 ou enviando un correo a o enderezo electrónico concellaría de medio ambiente auladanatureza@concellodeames.org
Contido relacionado
"‘Móllate cos ríos’ impulsa una jornada de recogida de residuos en el Sar"