Pestanas principais

O goberno aproba na Xunta de Goberno Local desta semana o estudo de detalle das novas parcelas do Rego dos Pasos Sur II que se atopan xunto ao paseo fluvial

Sábado, 19 de outubro de 2019

O departamento de Urbanismo do Concello de Ames vén de emitir informe favorable ao documento de estudio de detalle das parcelas R4-R5 do APE PB7-04 “Rego dos Pasos Sur II”, unha vez subsanada a documentación requirida desde o Concello o pasado 30 de agosto de 2019. A aprobación deste expediente permitirá seguir coa tramitación para o desenvolvemento de novas edificacións xunto ao paseo fluvial e o desenvolvemento dunha zona en expansión na localidade de Bertamiráns.

O pasado 12 de marzo do 2018 presentouse o estudo de detalle das parcelas R4-R5 do APE PB7-04 “Rego dos Pasos Sur II”. Posteriormente, o 30 de agosto de 2019, e tras requirimentos de subsanación, o presidente da Entidade Urbanística de Xestión do ámbito, presentou un novo documento de estudo de detalle. O proxecto de compensación foi aprobado definitivamente o 24 de maio de 2019. O estudo de detalle ten por obxecto concretar as condicións estéticas e de composición da edificación nas parcelas R4 e R5, na zona de edificación aberta, da área de planeamento especifico PB7-04 do PXOM, en solo urbano non consolidado, que contempla vivenda colectiva en edificación aberta e en maza pechada.

Para a zona do ámbito dentro da ordenanza de vivenda colectiva en edificación aberta, o 9 de maio de 2007 aprobouse un estudo de detalle, coa finalidade de ordenar os volumes edificables. Posteriormente, o 24 de setembro do 2009 aprobouse unha modificación do devandito estudo cuxo obxecto foi definir as alienacións da parcela R2.

O documento de estudo de detalle presentado agora, ademais do obxecto referido ás parcelas R4 e R5, tralo requirimento municipal, inclúe a coordinación co contido dos anteriores documentos de estudo de detalle aprobados, así coma coa equidistribución do ámbito. A concreción das condicións estéticas e de composición da planta ático da maza conformada polas parcelas R4 e R5, atópanse entre unha das finalidades dos estudos de detalle, co mantemento do uso establecido no planeamento e da edificabilidade.

Os estudos de detalle poden ser formulados polos particulares lexitimados para facelo. Neste caso promovese pola Entidade Urbanística de Xestión do ámbito, na que se integran os propietarios do solo, polo que enténdese que a mesma posúe lexitimación suficiente para promover o presente instrumento de planeamento. Con esta aprobación inicial ábrese un prazo de 6 meses para a aprobación definitiva, logo da exposición pública que xa está aberta.

Incremento do desenvolvemento urbanístico
O desenvolvemento destas parcelas para construción de vivendas de iniciativa privada permitirá o desenvolvemento dunha zona que nos últimos anos está a experimentar un desenvolvemento urbanístico e de servizos importante. Deste xeito, nesta zona construíuse a segunda escola infantil da Galiña azul no concello de Ames que foi inaugurada en 2016.

O alcalde e concelleiro de Urbanismo, José Miñones, sinala que “está a existir un incremento de promoción urbanística de diferentes sectores do concello que se atopaban paralizados e que nos últimos meses amosan interese de desenvolvemento. O traballo que está facendo o persoal de urbanismo é moi intenso e na procura de resolver as problemáticas técnicas e xurídicas que se plantexan en cada proxecto. A Concellaría está a regularizar os trámites que en breve aprobarán novos desenvolvementos urbanísticos”.

 

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "Ames reactiva un proyecto urbanístico en el entorno del paseo fluvial"

La Voz de Galicia: "La escasez de nueva vivienda desbloquea varios proyectos urbanísticos en Bertamiráns"

El Correo Gallego: "Luz verde ao estudo maián das parcelas de Rego dos Pasos"

Imaxe das parcelas do Rego dos Pasos Sur II

Multimedia

  • Imaxe das parcelas do Rego dos Pasos Sur II
  • Imaxe das parcelas do Rego dos Pasos Sur II
  • Imaxe das parcelas do Rego dos Pasos Sur II