[04-11-2015] O goberno de Ames, a través da concellaría de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade, fai un chamamento á cidadanía de Ames para que acuda a Madrid o vindeiro 7 de novembro para participar na “Marcha Estatal contra as Violencias Machistas”. As persoas interesadas poderán apuntarse ata completar as prazas que hai libres nos autobuses habilitados pola plataforma. Aqueles que non poidan acudir pero que queiran colaborar igualmente coa iniciativa poden contribuír a través da “fila 0”, cuxa recadación empregarase para pagar os devanditos autobuses. O Concello de Ames aportou a esta “fila 0” o importe correspondente a 10 prazas. De todas estas cuestións falouse no encontro que a semana pasada se mantivo coa Plataforma Feminista Galega. Nesta xuntanza decidiuse tamén gardar un minuto de silencio polas vítimas da violencia machista en Galicia. Ames foi o primeiro concello en adherirse a esta iniciativa.

Nin un feminicidio máis! Xúntate á marcha convocada polo Movemento Feminista! Este o lema co que a Plataforma Feminista Galega convoca á cidadanía para que acuda á Marcha Estatal contra as Violencias Machistas, que se desenvolverá en Madrid o vindeiro 7 de novembro. A Plataforma porá a disposición da cidadanía autobuses gratuítos que sairán de diversas localidades galegas. Os autobuses de Santiago sairán ás 24 horas do día 6 de novembro da dársena de Xoán XXIII. As persoas interesadas poden dirixirse para reservar a praza ao seguinte correo electrónico 7nbuscompos@gmail.com. Os autobuses habilitaranse na medida que vaian completándose as prazas.
Da Marcha Estatal contra as Violencias Machistas, da súa organización e do xeito de participar falouse no Encontro Aberto da Plataforma Feminista Galega que se desenvolveu no pazo da Peregrina de Bertamiráns o pasado 28 de novembro. Ademais explicouse cal é o cometido desta plataforma e deuse conta das organizacións e asociacións que forman parte dela.
“A xuntanza foi moi interesante como interesante é o papel que fai como instrumento de participación e acción política, á hora de promover a coordinación de organizacións feministas, partidos políticos, sindicatos e persoas en defensa e promoción dos dereitos das mulleres”, manifestou a concelleira Luísa Feijóo.
Ademais, a edil de Servizos Sociais e Igualdade animou á cidadanía de Ames a que se sume a Marcha Estatal contra as Violencias Machistas, do vindeiro 7 de novembro e lembrou a posibilidade de colaborar con esa fila 0 do mesmo xeito que xa o fixo o Concello. “A erradicación das violencias machistas e das violencias cara ás mulleres non é unha cuestión só de homes ou mulleres, é unha cuestión que alcanza a toda a sociedade e en cuxa loita debemos colaborar todas as persoas”.
No pleno ordinario celebrado no mes de setembro en Ames, a instancia da Plataforma feminista galega, presentouse pola vía de urxencia unha moción a través da que se pedía que Ames se unira á Marcha Estatal contra as Violencias Machistas, que vai ter lugar o 7 de novembro en Madrid. A moción foi aprobada por unanimidade e deste xeito Ames converteuse no primeiro concello galego en adherirse de xeito oficial á iniciativa.





