Pestanas principais

O goberno amiense traballa na dotación dunha parcela para que a Xunta poida construír un novo colexio de infantil en Ames

Martes, 05 de xullo de 2011

[05-07-2011] O goberno municipal de Ames reitera que ofreceu todas as alternativas posibles para solucionar o problema das prazas escolares no CEIP Agro do Muíño. O alcalde amiense, Santiago Amor, explica que o actual goberno tivo tres reunións co colectivo de pais afectados, e que fixaron como interlocutor permanente ao Concelleiro de Cultura, Educación e Patrimonio, Alfonso Rey, que está a disposición de dialogar cos pais en todo momento. Santiago Amor recorda que o actual problema de prazas escolares en Bertamiráns responde a unha situación herdada da mala xestión e falta de previsión en anos anteriores.

O goberno municipal fixo unha proposta que non foi aceptada polos técnicos da Consellería de Educación. Esta iniciativa non se fixo pública para non crear expectativas que ao final non se levarían a cabo por razóns técnicas alleas ó executivo de Santiago Amor. "Cada un ten que asumir as súas responsabilidades, esta é unha situación herdada e froito da inexistencia de xestión durante a época do bipartito e durante o goberno socialista en Ames.

En febreiro de 2010 a Xunta xa lle pedira ao anterior goberno unha parcela e, se daquela se fixera a xestión correspondente ,aforrariámonos un ano e medio de trámites en lugar de partir de cero, como partimos agora, e con toda a presión que está metendo o colectivo afectado" afirma Santiago Amor. En opinión do goberno amiense, a Xunta bipartita cando fixo o colexio Agro do Muíño preocupouse máis polo seu deseño que pola súa funcionalidade. O mesmo ocorreu co colexio de Educación Infantil do Milladoiro que se construíu de catro liñas, cando Ventín só podía recibir tres, "por todas estas cuestión estamos agora como estamos" explica o rexedor.

Traballo en clave de futuro
A partir de agora o equipo de Santiago Amor traballa para buscar unha solución de futuro que pasa por "xestionar a dotación dunha parcela para facer un novo colexio de infantil que é o que está en mans do goberno municipal nestes momentos" explica o alcalde, e "en canto teñamos os terreos a disposición da Xunta, esixirémoslle que inicie os trámites para que Ames conte cun novo colexio de educación primaria" afirma Amor.



Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Amor cuestiona la dimensión de los nuevos colegios"
El Correo Gallego: "Amor achaca la falta de plazas educativas a la gestión del PSOE"