Pestanas principais

O Goberno amiense levará ao próximo Pleno a rebaixa do 50% da taxa pola recollida do lixo no rural e cumpre a palabra dada

Xoves, 18 de outubro de 2012

[18-10-2012] O Executivo amiense levará ao Pleno que se celebrará a vindeira semana a aprobación inicial da modificación da ordenanza fiscal reguladora da taxa por actividades e servizos relacionados coa hixiene urbana. Nesta modificación, incluírase a rebaixa do 50% da taxa da recollida do lixo no rural a partir de xaneiro de 2013. A ordenanza modificada establecerá unha tarifa específica para estas zonas do rural amiense nas que a recollida do lixo se realiza cunha frecuencia de tres días á semana. Deste xeito, reducirase para cada epígrafe un 50% respecto da tarifa denominada de servizo continuo. Por exemplo, a tarifa para as vivendas quedaría en 37,9 euros.

Deste xeito, cúmprese o compromiso expresado no seu día polo Goberno amiense cos afectados e afectadas polo cobro retroactivo da taxa do lixo no rural. Nunha reunión mantida o pasado mes de xuño, os membros do Executivo propuxéronlle aos veciños varias alternativas e solucións ao conflito. A máis significativa foi que se propuxo baixar as taxas de recollida do lixo no rural a partir de xaneiro de 2013, co fin de minorar o pago dos atrasos. Deste xeito, con esta decisión poderíanse paliar as consecuencias dun proceso legal iniciado polo anterior Executivo amiense en 2010 e que por imperativo legal tivo que ser continuado.

Ademais, o Goberno amiense tamén ofrece facilidades de pago e de fraccionamento aos veciños e veciñas afectadas polo procedemento de comprobación limitada da taxa por actividades e servizos relacionados coa hixiene urbana. Consciente da situación económica actual, o Concello de Ames ofreceralle aos cidadáns todas as facilidades posibles. Deste xeito, os pagos de ata 300 euros poderán fraccionarse ata un máximo de 12 meses; os que se atopen entre os 300,01 e os 1.500 euros poderán aprazarse ou fraccionarse ata un máximo de 18 meses, e os superiores a 1.500 euros terán ata un máximo de dous anos.


Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Ames llevará al próximo pleno la rebaja de la tasa de la basura"
El Correo Gallego: "O Goberno de Ames levará ao próximo Pleno a rebaixa do 50% da taxa pola recollida do lixo no rural"