Pestanas principais

O Goberno amiense está estudando a proposta de municipalización do servizo do Ciclo integral da auga formulada no seo da comisión

Sábado, 23 de novembro de 2013

[23-11-2013] A Casa do Concello acolleu esta mañá unha nova reunión da comisión de abastecemento e saneamento para tratar os pasos a dar con respecto ao ciclo integral da auga, unha vez que o procedemento quedou deserto. Neste encontro, o Goberno amiense, por medio da súa representante nesta comisión, a concelleira de Medio Ambiente, María Eugenia Martín, avanzou que está estudando a proposta de municipalización do servizo de abastecemento e saneamento, realizada polos ex concelleiros do BNG na comisión, co obxectivo de avaliar a súa viabilidade.

Ademais, Eugenia Martín subliñou que o Executivo amiense está analizando casos similares doutros municipios galegos que apostaron pola xestión pública deste servizo para determinar os posibles custes e os pasos que serían necesarios dar para a municipalización do servizo. A comisión volverá reunirse nun prazo de 15-20 días.

Con respecto ao proceso de licitación que quedou deserto, o Executivo amiense destaca que o seu obxectivo sempre foi defender os intereses dos veciños e veciñas do municipio e non os das empresas. En relación ao risco e ventura do que se queixan as empresas, alegando o custe de ter que manter a rede existente e a futura, o Goberno amiense lembra que na lei xa se establece que cando a empresa concesionaria observe desequilibrio económico do contrato pode pedir unha revisión.

Regulamento orgánico de pleno
Con anterioridade á celebración da comisión plenaria de abastecemento e saneamento, a Casa do Concello tamén acolleu a primeira reunión da comisión sobre o regulamento orgánico do pleno. Na reunión, propúxose comezar a traballar polo regulamento orgánico do pleno e celebrar un vindeiro encontro no que achegar posturas e propostas. O obxectivo é traballar sobre a base de regulamento preparada pola Secretaría Xeral do Concello e ir engadindo as propostas.


Contido relacionado


La Voz de Galicia: "El PP amiense estudia la gestión pública del agua y el PSOE la toma «con reservas»"
El Correo Gallego: "El Concello de Ames va a estudiar la posibilidad de autogestionar la traída"