Pestanas principais

O Goberno amiense comprométese cos pais e nais de Covas e Agrón e amósalles o seu apoio ao mantemento das escolas unitarias

Xoves, 20 de xuño de 2013

[20-06-2013] O Goberno amiense está comprometido co futuro das escolas unitarias do municipio e, por esta razón e por outras cuestións relacionadas coa comunidade educativa amiense, nos últimos meses estivo mantendo reunións con diferentes departamentos da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. Ademais, entre onte e hoxe tanto o alcalde de Ames, Santiago Amor, como o concelleiro de Educación, Bernardo Moar, reuníronse con representantes dos pais e nais das escolas unitarias de Covas e Agrón e mantiveron contactos coas profesoras para trasladarlle o seu apoio ao mantemento destes centros educativos mentres se cumpran as ratios de alumnos marcadas pola Consellería, algo que fan neste momento.

Nestes encontros, o rexedor e o concelleiro trasladáronlle aos representantes dos pais e nais que, polo momento, as noticias que ten o Concello é de que non se pechan estas escolas unitarias e que non hai ningunha comunicación oficial ao respecto do seu posible peche. Santiago Amor e Bernardo Moar reiteráronlle aos representantes dos pais dos alumnos/as destas dúas escolas o apoio do Executivo municipal, e do partido que conforma o grupo de Goberno, ao mantemento das unitarias de Covas e Agrón.

O alcalde e o concelleiro transmitíronlle, ademais, que o Goberno municipal está moi pendente desta cuestión, mantendo contacto permanente coa Consellería de Educación para coñecer o estado da situación e para levar a cabo as xestións necesarias.

O Concello de Ames mantén compromisos efectivos coas escolas unitarias do municipio, levando a cabo o seu mantemento e realizando obras nas súas instalacións. Sen ir máis lonxe, o pasado mes de maio a Deputación da Coruña autorizou a sinatura dun convenio co Concello para acometer obras nas escolas unitarias como melloras eléctricas e nas condicións dos inmobles.