Pestanas principais

O goberno amiense anuncia máis números vermellos nas arcas municipais

Domingo, 10 de xullo de 2011

[10-07-2011] Despois dun primeiro balance económico que fixeron as concellerías de Comercio, Promoción económica, Traballo e Turismo, e a de Servizos sociais, Familia e Dependencia e Maiores, do que se desprendía que contan cun orzamento de 927,57 euros para o que queda de ano e que os números vermellos da área de servizos sociais ascenden a -74.415,87, agora o goberno amiense da a coñecer os datos económicos doutras áreas. Educación ten unha débeda de -123.350,25 euros, deportes ten 2.539,56 euros, patrimonio ten un déficit de -21.349,98 euros, e a sanidade quédanlle 8.876, 13 euros para rematar o ano.

As áreas anteriormente citadas teñen unha bolsa vinculada de orzamentos que achega un saldo de 4.005,08 euros aos que se lles deben restar -2-964,80 euros, o cal implica que finalmente sexan 1.040,28 euros a cantidade de diñeiro coa que contan todas estas áreas para gastar nos seis meses que quedan de ano 2011.A intención do goberno é levar a cabo reaxustes en varias áreas para racionalizar rentabilizar o gasto, como recentemente fixo a Concellería de Deportes, que reubicou tódolos equipos que empregaban unha nave alugada no Milladoiro noutras instalacións deportivas ou en entidades educativas do concello, mellor dotadas para este tipo de actividades e sendo unha alternativa moito máis barata. Neste senso o Santiago Amor e o concelleiro de Deportes, Manuel Ferreiro amósanse sorprendidos ante as declaracións do edil nacionalista, Anxo Doval cando afirma que "a alternativa non da o mesmo servizo nin é máis barata", pois isto é totalmente falso xa que o campo de fútbol do Milladoiro é do concello, e aos colexios onde se reubiquen os equipos non se lles aboará alugueiro, simplemente se lles pagarán os gastos de luz e auga. Ademais a nave do Milladoiro é unha nave industrial nun polígono, e a partir de agora os equipos empregarán un pavellón polideportivo acondicionado para prácticas deportivas.Xa na oposición o Partido Popular denunciara esta situación e agora no goberno estase dando conta de que a situación é máis grave do que pensaba nun principio. O alcalde amiense, Santiago Amor, explica que a complexidade e a relativa tardanza en facer públicos os datos económicos ven dada por culpa da falla absoluta de documentación tralo traspaso de poderes. Con todo, o rexedor reitera que malia difícil situación económica os servizos básicos e de conciliación da vida laboral e familiar se manterán en todo momento e incluso se mellorarán e potenciarán.