Pestanas principais

O GDR Terras de Compostela, do que forma parte Ames, xestionará o xeodestino turístico Terras de Santiago

Xoves, 18 de outubro de 2018

[18-10-2018] Persoal técnico dos concellos de Ames, A Baña, Negreira, Val do Dubra, Boqueixón, Brión, Santa Comba, Teo e maila xerente do GDR 19 Terras de Compostela, mantiveron unha xuntanza este mércores, 17 de outubro, no Pazo da Peregrina, de Bertamiráns, para estudar e facer achegas sobre a proposta que lle fixo a Axencia de Turismo de Galicia ao GDR 19 Terras de xestionar o xeodestino Terras de Santiago. O obxectivo é xestionar o territorio, que conforman os 10 concellos integrados neste GDR, dentro do xeodestino turístico Terras de Santiago, coa finalidade de desenvolver e dinamizar este territorio a través do turismo. Para iso, vaise asinar un convenio de colaboración, dotado con 30.000 euros, entre a Axencia de Turismo de Galicia e o GDR Terras de Compostela.


A Axencia de Turismo de Galicia propúxolle ao GDR 19 Terras de Compostela, do que forman parte os concellos de Ames, A Baña, Brión, Boqueixón, Negreira, Santa Comba, Santiago de Compostela, Teo, Val do Dubra e Vedra, xestionar o territorio destes 10 municipios dentro do xeodestino turístico Terras de Santiago. A principal finalidade desta iniciativa é desenvolver e dinamizar este territorio a través do turismo, baseándose en recursos turísticos como o patrimonio, natureza, gastronomía...

Cómpre dicir que en Galicia existen 14 xeodestinos diferentes. No artigo 23, da Lei 7/2011, do 27 de outubro, do Turismo de Galicia, os xeodestinos turísticos defínense como “áreas ou espazos xeográficos limítrofes que comparten unha homoxeneidade territorial baseada nos seus recursos turísticos naturais, patrimoniais e culturais, con capacidade para xerar fluxos turísticos e que, xunto á súa poboación, conforman unha identidade turística diferenciada e singular”.

O GDR 19 Terras de Compostela está dando os pasos necesarios para poder xestionar o seu territorio dentro do xeodestino Terras de Santiago. O primeiro deles foi ampliar os fins recollidos nos Estatutos desta entidade, aprobados na asemblea celebrada o pasado 3 de outubro. Asemade, está previsto que en xaneiro de 2019 esta entidade asine un convenio de colaboración, dotado de 30.000 euros, coa Axencia de Turismo de Galicia, para realizar ditos traballos de xestión. Este convenio, e os fondos co que está dotado, permite realizar actuacións en catro ámbitos: creación de produto turístico, comercialización, promoción e formación.

A concelleira de Promoción Económica e Turismo do Concello de Ames, Isabel González, dixo “consideramos que a posta en marcha do xeodestino Terras de Santiago é unha nova oportunidade para seguir avanzando no desenvolvemento turístico de Ames, xunto cos concellos da comarca. Este desenvolvemento traerá beneficios non só no ámbito turístico, se non tamén de carácter social, cultural, económico, e ademais, cremos que fomentará a creación de emprego”.

A xuntanza mantida este mércores, 18 de outubro, no Pazo da Peregrina, en Bertamiráns, serviu para achegar propostas e definir posibles actuacións de cara ao ano 2019 no territorio destes 10 concellos que conforman o xeodestino Terras de Santiago. En dita reunión participaron técnicos/as dos concellos do GDR 19 Terras de Compostela. Así participaron Sonia Moure Oliveira, do Concello de Ames, Eutropio Rodríguez Varela, dos concellos de Negreira e Val do Dubra, María Dolores Landeira Liñares, do concello da Baña, Mari Cruz Ferreiro Sanín, do Concello de Boqueixón, Dora Vieiro Nogueira, do Concello de Brión, José Manuel Vázquez Rodríguez, do Concello de Santa Comba, Liduvina Campoamos Sánchez, do Concello de Teo, e Chefa Fernández Fernández, xerente do GDR 19 Terras de Compostela.

Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Turismo aportará 30.000 euros para gestionar el geodestino de Terras de Compostela"