Pestanas principais

O gasto social e en programas de conciliación supera os 6 millóns de euros nos orzamentos de Ames, supoñendo o 25% do investimento total

Martes, 24 de xullo de 2012

[24-07-2012] Na actual conxuntura económica, o Concello de Ames realizou un importante esforzo para deseñar uns orzamentos para 2012 baseados no mantemento das políticas sociais e dos programas de conciliación, así como no apoio aos máis desfavorecidos e afectados pola crise económica. Esta aposta reflíctese en que o gasto social e en programas de conciliación supera os seis millóns de euros, o que supón máis do 25% do investimento total para 2012, que ascende a 23 millóns de euros.

Deste xeito, o orzamento municipal, presentado o venres na Comisión informativa de Economía e Facenda e que será levado ao Pleno para a súa aprobación inicial esta semana, centra o seu esforzo na partida social e en manter, mellorar e facer máis accesibles as medidas de conciliación nas que Ames é un exemplo. Ademais, fai unha especial aposta polos empresarios do municipio e pola dinamización do comercio amiense.

O alcalde de Ames, Santiago Amor, subliña o “importante esforzo levado a cabo polo Concello para elaborar unhas contas cos que poder garantir o mantemento dos servizos sociais e educativos”. O rexedor subliña que o obxectivo é “apoiar firmemente aos máis afectados pola crise económica e manter os servizos que distinguen a Ames, como son os de conciliación e de promoción educativa”.

Santiago Amor destaca en que "a incerteza económica e financeira na que vivimos condiciona como nunca os orzamentos municipais", por iso aposta por "actuar con cautela e contención" e por manter "o compromiso irrenunciable cos que máis están a sentir a crise". "Ratifico o compromiso de Ames por manter os servizos sociais, educativos e de conciliación", engade.

Neses máis de seis millóns de euros destinados a políticas de carácter social, sobresaen os 1,6 millóns destinados a acción e promoción social. Nesta área de gasto destacan as axudas de emerxencia social, as subvencións para familias numerosas e as axudas ao transporte para diversos colectivos. O Concello tamén seguirá colaborando con entidades sociais (Cáritas e Adames, entre outras), coa fin de achegarse a todos aqueles que necesitan axuda. Co mantemento destas axudas pretendese atender á demanda social do Concello e manter o nivel de prestacións e servizos no actual momento de incerteza económica e financeira. Ademais, manteranse iniciativas pensadas especialmente para os maiores, como os programas Amesan, Sanauga ou as Escolas de Maiores.

Co orzamento deseñado polo Goberno amiense tamén se garante o apoio e o investimento nos servizos educativos. De feito, destínanse máis de 2,1 millóns ao mantemento das escolas infantís do municipio e á educación prescolar e primaria. Ademais, mantéñense as axudas á compra de libros e material escolar e ás ANPAS, unhas subvencións moi importantes nun concello das características de Ames. De feito, as contas municipais reservan un total de 59.000 euros para estas e outras subvencións encamiñadas á promoción educativa e á axudar ás familias.

Ademais, o orzamento tamén garante o funcionamento da rede de comedores escolares, un servizo decisivo para Ames no que o Concello investirá máis de 1,4 millóns de euros no 2012.

A todo este esforzo no mantemento das políticas sociais e no apoio aos sectores máis afectados pola crise, únese o feito de que o orzamento municipal permitirá seguir presentando servizos de conciliación como Bos Días ou Tardes Divertidas, entre outros. De feito, o gasto en servizos complementarios achégase aos 600.000 euros.

Na actual conxuntura económica tamén é significativo o esforzo que fai o Concello de Ames co fomento do emprego, un gasto ao que destina máis de 265.000 euros, xa que o Goberno amiense tamén foi consciente á hora de elaborar os orzamentos das dificultades que atravesan no actual contexto económico os pequenos empresarios do municipio. Por esta razón, no orzamento de 2012 contémplanse diferentes subvencións pensadas para o comercio e o fomento do emprego neste sector. O Concello considera que este esforzo é imprescindible no actual momento económico, no que se debe prestar un maior apoio ao tecido empresarial da zona.

Un orzamento realista
O orzamento deseñado polo Concello para este exercicio prevé uns gastos de 23.063.225,82 millóns de euros e uns ingresos de 23.576.370 millóns. Deste xeito, o presuposto inclúe un superávit de 513.144 euros, o que supón dar cumprimento ao previsto no Plan de Axuste e permitirá compensar o déficit derivado da xestión anterior.


Contido relacionado


La Voz: El PP cifra en seis millones el gasto social y de conciliación para este año
El Correo Gallego: O gasto social e en programas de conciliación supera os 6 millóns de euros nos orzamentos de Ames