Pestanas principais

O Fútbol Club Meigas xogará o playoff de ascenso á segunda división do fútbol sala feminino nacional

Xoves, 08 de xuño de 2023

As rapazas do Fútbol Club Meigas proclamáronse campioas de liga da categoría Preferente Galicia o pasado 14 de maio tras impoñerse na penúltima xornada do campionato a SD Gaiola por 5-1. É un resultado histórico xa que por primeira vez o FC Meigas conseguiu a clasificación para o play-off de ascenso á segunda división. Xogarán contra Planta14 FS que foron as campioas da liga de Asturias. O primeiro partido dispútase este sábado 10 de xuño en Asturias, mentres que o partido de volta será o vindeiro sábado 17 de xuño no pavillón municipal de Bertamiráns.

As rapazas do primeiro equipo do FC Meigas fixeron historia esta temporada ao clasificarse para disputar o play-off de ascenso á segunda división do fútbol sala feminino nacional. Tras unha brillante temporada lograron o campionato de liga da categoría Preferente Galicia o pasado 14 de maio, tras impoñerse na penúltima xornada do campionato a SD Gaiola por 5-1. Remataron a tempada no primeiro posto con 82 puntos. Dos 29 partidos disputados durante a temporada gañaron 27, empataron un partido e tan só perderon dous encontros.

Este logro dálle agora a oportunidade de loitar polo ascenso á segunda división do fútbol sala feminino nacional. O ascenso decidirase na fase de playoff contra Planta14 FS, que foron as campioas da liga de Asturias. O primeiro partido dispútase este sábado 10 de xuño en Asturias, mentres que o partido de volta será o vindeiro sábado 17 de xuño no pavillón municipal de Bertamiráns.

Dende o club amesán destacan “estamos ante unha gran oportunidade, e para poder loitar por este ansiado ascenso, precisamos da vosa axuda, por suposto na medida en que poidades, e así afrontar os gastos da viaxe a Asturias. Podedes colaborar facéndovos socios por 10 euros, coa doazón de calquera cantidade, ou atopando patrocinadores, non hai achega pequena todos/as sumamos”.

A concelleira de Deportes en funcións, Susana Señorís, destaca “a gran temporada realizada polas rapazas do primeiro equipo do FC Meigas, que lle permitiu lograr o campionato da Preferente galega e que lle dá dereito a xogar o playoff de ascenso á segunda categoría do fútbol sala feminino nacional. É un orgullo para Ames contar cun club como é o Meigas  que conta cun altísimo nivel de fútbol sala feminino”.

Novas relacionadas:

AMS GO!: "O FC Meigas, na loita polo ascenso"

O Fútbol Club Meigas xogará o playoff de ascendo á segunda división do fútbol sala feminino nacional