Pestanas principais

O Fútbol Club Meigas realiza unha selección de xogadoras para formar parte do seu equipo na categoría provincial de fútbol sala

Xoves, 04 de agosto de 2016

[04-08-2016] Dende o 24 de agosto ata o 16 de setembro o Fútbol Club Meigas vai desenvolver unhas xornadas de portas abertas de fútbol feminino co obxectivo de seleccionar xogadoras para formar parte do seu equipo na categoría provincial de fútbol sala. Esta iniciativa consiste en abrir os adestramentos a todas aquelas rapazas que desexen acudir a estas xornadas de selección. Poderán asistir aos adestramentos que se realizarán os mércores no pavillón polideportivo do Milladoiro e os venres no pavillón polideportivo de Bertamiráns. En ambos casos hai que acudir en horario de 19:00 a 21:00 horas. Para obter máis información podes chamar ao número de teléfono 670 518 120 ou enviar un correo electrónico ao enderezo fcmeigas@gmail.com

Diego Montero, coordinador do Fútbol Club Meigas, explica que “de cara a vindeira temporada temos a novidade de que volvemos a competir na categoría provincial. Levábamos tres anos traballando coa base, sen dispor dun primeiro equipo por así dicilo, pero a próxima temporada sairemos a disputar novamente a liga provincial. Cremos que as nosas rapazas están preparadas para competir a ese nivel, pero tamén lle queremos dar a oportunidade a calquera rapaza que queira formar parte deste club de fútbol sala feminino”.

Deste xeito, o Fútbol Club Meigas organizou unhas xornadas de portas abertas de fútbol feminino para seleccionar novas xogadoras. Todas as rapazas que desexen probar se lles gusta practicar fútbol sala poderano facer acudindo aos adestramentos do Fútbol Club Meigas. Para iso terán que acudir, entre o 24 de agosto e o 16 de setembro, aos adestramentos dos mércores no pavillón polideportivo do Milladoiro e dos venres no pavillón polideportivo de Bertamiráns. En ambos casos hai que acudir en horario de 19:00 a 21:00 horas.

“Necesitamos incrementar a plantilla do equipo. O ano pasado con 8 xogadoras era suficiente, pero para a vindeira temporada é imprescindible contar cun mínimo de 12 rapazas para competir en provincial. Este ano preséntase unha temporada moi ilusionante. Hai tres anos tivermos que prescindir do equipo que tiñamos en autonómica por motivos económicos. Agora as rapazas coas que levábamos traballando varios anos conseguiron ascender a provincial e estou convencido de que chegarán á categoría autonómica”.

O Fútbol Club Meigas foi posto en marcha no ano 2004. O obxectivo deste club dende a súa fundación foi ofrecer ás xogadoras do concello a posibilidade de practicar fútbol sala, formar unha canteira de xogadoras, e que pouco a pouco sexan estas xogadoras as que fagan crecer o club. Dende a súa fundación o club foi aumentando o número de equipos e de participantes ata chegar actualmente a estar composto de 41 xogadoras repartidas en 4 equipos de categorías benxamín, alevín, cadete e provincial (este último equipo está composto por xogadores de categorías cadete e xuvenil).

Para obter máis información podes chamar ao número de teléfono 670 518 120, enviar un correo electrónico ao enderezo fcmeigas@gmail.com, entrar na páxina web www.fcmeigas.com ou consultar o Facebook http://www.facebook.com/FCMeigas.