Pestanas principais

O Fútbol Club Meigas organiza unhas xornadas de portas abertas de fútbol sala feminino durante o mes de setembro

Mércores, 19 de setembro de 2018

[19-09-2018] Entre os días 19 e 28 de setembro, o Fútbol Club Meigas vai desenvolver unhas xornadas de portas abertas de fútbol feminino co obxectivo de captar nenas que se integren nos diferentes equipos que ten este club amesán. Esta iniciativa consiste en abrir os adestramentos a todas aquelas rapazas que desexen acudir. Deste xeito, todas as nenas que queiran ir probar se lles gusta a práctica do fútbol sala poderano facer durante os mércores 19 e 26 no pavillón polideportivo do Milladoiro, e os venres 21 e 28 no pavillón polideportivo de Bertamiráns.


Durante este mes de setembro, o Fútbol Club Meigas organiza unhas xornadas de portas abertas de fútbol feminino. Así, todas as rapazas que desexen probar se lles gusta practicar fútbol sala poderano facer acudindo aos adestramentos do Fútbol Club Meigas, que se celebran os mércores no pavillón polideportivo do Milladoiro e os venres no pavillón polideportivo de Bertamiráns.

Estes adestramentos estarán divididos en dúas quendas segundo a idade. Por un lado, no Milladoiro, de 18:30 a 19:30h poderán acudir as nenas nadas do 2014 ao 2005, e de 19:30 a 20:30h as rapazas nadas antes do 2005. Por outra banda, a Bertamiráns acudirán de 18:00 a 19:00 as nenas nadas do 2014 ao 2005, e de 19:00 a 20:00 horas as rapazas nadas de antes do 2005.

Esta iniciativa, que non require inscrición previa, consiste en abrir os adestramentos a todas aquelas rapazas que desexen acudir a practicar fútbol sala, co obxectivo de captar nenas que se integren nos diferentes equipos que ten este club amesán.

5 equipos e arredor de 60 xogadoras
O Fútbol Club Meigas foi posto en marcha no ano 2004. O obxectivo deste club dende a súa fundación foi ofrecer ás xogadoras do concello a posibilidade de practicar fútbol sala, formar unha canteira de xogadoras, e que pouco a pouco sexan estas xogadoras as que fagan crecer o club. Dende a súa fundación o club foi aumentando o número de equipos e de participantes ata chegar actualmente a estar composto de 5 equipos e arredor de 60 xogadoras.

Asemade, cómpre destacar que este ano o F.C. Meigas, despois de cinco tempadas, volve a máis alta categoría do fútbol sala galego. No pasado mes de xullo, a Real Federación Galega de Fútbol comunicoulle á directiva do F.C. Meigas a inscrición do seu primeiro equipo na liga autonómica galega de cara a temporada 2018-2019. Este ascenso de categoría vén a reforzar a clara aposta deste club pola canteira, pois acadárono cun equipo integrado na súa totalidade por xogadoras formadas na canteira do F.C. Meigas.

O Fútbol Club Meigas encárgase de impartir as escolas deportivas municipais de fútbol sala feminino. Para obter máis información podes chamar ao número de teléfono 670 518 120, enviar un correo electrónico ao enderezo fcmeigas@gmail.com, entrar na páxina web www.fcmeigas.com ou consultar o seu Facebook.

Contido relacionado


El Correo Gallego: "O Meigas organiza xornadas de portas abertas no final do mes de setembro"