Pestanas principais

O Fútbol Club Meigas organiza unhas xornadas de portas abertas de fútbol sala feminino durante o mes de xuño

Xoves, 01 de xuño de 2017

[01-06-2017] Entre os días 2 e 30 de xuño o Fútbol Club Meigas vai desenvolver unhas xornadas de portas abertas de fútbol feminino co obxectivo de captar nenas que se integren nos diferentes equipos que ten este club amesán. Esta iniciativa consiste en abrir os adestramentos a todas aquelas rapazas que desexen acudir. Deste xeito, todas as nenas que queiran ir probar se lles gusta a práctica do fútbol sala poderano facer durante os mércores 7, 14, 21 e 28 no pavillón polideportivo do Milladoiro, e os venres 2, 9 e 30 no pavillón polideportivo de Bertamiráns.

O Fútbol Club Meigas organizou unhas xornadas de portas abertas de fútbol feminino para o mes de xuño. Todas as rapazas que desexen probar se lles gusta practicar fútbol sala poderano facer acudindo aos adestramentos do Fútbol Club Meigas. Para iso terán que acudir os mércores 7, 14, 21 e 28 no pavillón polideportivo do Milladoiro, e os venres 2, 9 e 30 no pavillón polideportivo de Bertamiráns.

Existen tres quendas diferentes para asistir aos adestramentos. No Milladoiro; de 18:30 a 19:30h terán que acudir as nenas nadas do 2012 ao 2005; de 19:30 a 20:30h as rapazas nadas de 2004 a 2001; e de 20:00 a 21:30h as que naceron antes de 2001. Por outra banda, a Bertamiráns acudirán de 18:00 a 19:00 as nenas nadas do 2012 ao 2005; de 19:00 a 20:00 horas as rapazas nadas de 2004 a 2001; e de 19:30 a 21:00h as que naceron antes de 2001.

Esta iniciativa consiste en abrir os adestramentos a todas aquelas rapazas que desexen acudir a practicar fútbol sala, co obxectivo de captar nenas que se integren nos diferentes equipos que ten este club amesán. Segundo explican dende o Fútbol Club Meigas “neste club non só atoparás hábitos de vida saudable, senón un grupo humano excepcional onde te integrarás tanto dentro coma fóra da pista de xogo”.

Club composto de 4 equipos e arredor de 60 xogadoras
O Fútbol Club Meigas foi posto en marcha no ano 2004. O obxectivo deste club dende a súa fundación foi ofrecer ás xogadoras do concello a posibilidade de practicar fútbol sala, formar unha canteira de xogadoras, e que pouco a pouco sexan estas xogadoras as que fagan crecer o club. Dende a súa fundación o club foi aumentando o número de equipos e de participantes ata chegar actualmente a estar composto de 4 equipos e arredor de 60 xogadoras.

O Fútbol Club Meigas encárgase de impartir as escolas deportivas municipais de fútbol sala feminino. Para obter máis información podes chamar ao número de teléfono 670 518 120, enviar un correo electrónico ao enderezo fcmeigas@gmail.com, entrar na páxina web www.fcmeigas.com ou consultar o Facebook http://www.facebook.com/FCMeigas.

Adestramento con Down Compostela
Ademais, o pasado venres, 12 de maio, as xogadoras do FC Meigas compartiron un adestramento cos rapaces da asociación Down Compostela. Esta xornada consistiu nun adestramento compartido finalizando cun partido. Segundo indican dende o club amesán foi “unha gran oportunidade de coñecer xente moi interesante, comprender que podemos ter en común pequenos detalles que fan ter moito que compartir con persoas que acabamos de coñecer”.