Pestanas principais

O Fútbol Club Meigas logra o ascenso á segunda división nacional

Martes, 20 de xuño de 2023

As xogadoras do primeiro equipo do Fútbol Club Meigas realizaron unha temporada espectacular na que se proclamaron campioas de liga da categoría Preferente Galicia e lograron o ascenso á segunda división nacional ao gañar os dous partidos do play-off de ascenso contra o equipo asturiano do Planta14 FSF. O equipo amesán impúxose este pasado sábado, no partido disputado no pavillón de Bertamiráns, por 9-2. Previamente, tamén gañaron en Langreo por 0-4. Deste xeito, acadan un ascenso histórico para este club que ten 19 anos de traxectoria.

O primeiro equipo do FC Meigas conseguiu este pasado sábado, 17 de xuño, o ascenso a categoría de prata do fútbol sala nacional feminino. O pavillón polideportivo de Bertamiráns acolleu o partido de volta do play-off de ascenso á segunda división. O FC Meigas impúxose por 9-2 o equipo asturiano do Planta14 FSF.

Ao descanso o equipo amesán gañaba por 5-1. O FC Meigas púxose por diante no marcador cos goles de  Belén Fernández (1-0) e Pauliña Pereiro (2-0). O Planta14 FSF recortou distancia no marcador co gol de  Angy Nogueira en propia porta (2-1). Antes do descanso o equipo local marcou tres goles máis, grazas a Pauliña Pereiro (3-1), María Brea (4-1) e Tere Pereiro (5-1).

Mediada a segunda parte o FC Meigas volveu marcar outro dos goles a través de Alba Carreira (6-1) e de Angy Nogueira (7-1). Ana Vázquez marcou o 7-2 para o equipo asturiano. Antes de finalizar o partido o FC Meigas marcou dous goles máis. Navia Rendo puxo o  8-2 no marcador e Ana Vázquez en propia porta marcou o 9-2. Deste xeito, o FC Meigas conseguiu unha nova vitoria que supón o ascenso de categoría e prolongou a súa imbatibilidade como local durante esta temporada.

Cómpre lembrar que no partido de ida, disputado en Langreo o pasado sábado 10 de xuño, as xogadoras do FC Meigas gañaron 0-4 deixando encarrilada a eliminatoria. No computo global da eliminatoria o FC Meigas impúxose por un claro 13-2 a favor do equipo amesán.

A concelleira de Deportes e Promoción da Saúde, Susana Señorís, destaca “a gran temporada feita polas xogadoras do FC Meigas que lle permitiu acadar o campionato da Preferente galega e conseguir o ascenso á segunda división nacional do fútbol sala feminino. Para Ames é un orgullo contar cun club como é o Meigas, que ademais de contar cun equipo de moito nivel, defende valores tan importantes como son o compañeirismo, a amistade, a solidariedade, o esforzo e o traballo en equipo. Son valores que compartímolos e defendemos plenamente dende a Concellaría de Deportes do Concello de Ames”.

Valoración da presidenta do FC Meigas
A presidenta do FC Meigas, Paola Vignolo, destaca que “conseguir o ascenso a segunda división nacional é un recoñecemento e confirmación do bo traballo feito por todo o club e o equipo: xogadoras, corpo técnico e directiva. Acadamos isto da man do Concello de Ames que leva anos apoiando o noso proxecto moi de preto, e que fai que sexa un orgullo representar a Ames, levando ao Meigas todo o alto e lonxe que poidamos, sendo un referente no fútbol sala feminino a nivel formativo e competitivo”.

Paola Vignolo engadiu “este ascenso tamén significa para as nosas xogadoras e técnicos confirmar que con traballo, entrega e paixón podemos acadar os nosos soños. Dende o club apoiamos e impulsamos que cada unha medre acadando a súa mellor versión, a ilusión e a forza para avanzar. Non podo esquecer aos seareiros, familias, patrocinadores/as, e simpatizantes que co seu apoio dannos máis forzas e motivos polos que sentirnos orgullosos da súa entrega, sentimos que sofren e desfrutan ao noso carón. Temos por diante un novo reto, non nos permitiremos acomodarnos, a ambición que nos impulsa será o motor para o traballo que toca agora, conseguir recursos materiais e persoais que acompañen esta nova etapa”.

O Fútbol Club Meigas logra o ascenso á segunda división nacional

Multimedia

  • Imaxe do partido de volta contra o Planta14 FSF
  • Imaxe do partido de volta contra o Planta14 FSF