Pestanas principais

O Fútbol Club Meigas abre as portas dos seus adestramentos durante o mes de xuño

Martes, 04 de xuño de 2019

O Fútbol Club Meigas organiza durante este mes de xuño unha nova edición das súas xornadas de portas abertas co obxectivo de promover o fútbol sala e captar nenas que se integren nos diferentes equipos que ten este club amesán. Así, entre o 4 e o 21 de xuño, o club abre os seus adestramentos a todas aquelas rapazas que desexen acudir para coñecer de primeira man como funciona o FC Meigas. Estas xornadas terán lugar os mércores no pavillón polideportivo do Milladoiro, e os venres no pavillón polideportivo de Bertamiráns.

Ao longo deste mes de xuño, o Fútbol Club Meigas organiza de novo as súas xornadas de portas abertas de fútbol feminino. Así, todas as rapazas que desexen probar se lles gusta practicar fútbol sala poderano facer acudindo aos adestramentos do Fútbol Club Meigas, que se celebran os mércores no pavillón polideportivo do Milladoiro e os venres no pavillón polideportivo de Bertamiráns.

Estes adestramentos estarán divididos en dúas quendas segundo a idade. Por un lado, no Milladoiro, de 18:30 a 19:30h poderán acudir as nenas nadas do 2007 ao 2015, e de 19:30 a 20:30h as rapazas nadas no 2006 ou anos anteriores. Por outra banda, a Bertamiráns acudirán de 18:00 a 19:00 as nenas nadas entre o 2015 ao 2007, e de 19:00 a 20:00 horas as rapazas nadas de antes do 2006.

Mediante esta iniciativa, que non require inscrición previa para acudir, búscase abrir os adestramentos a todas aquelas rapazas que desexen acudir a practicar fútbol sala, co obxectivo de captar nenas que se integren nos diferentes equipos que ten este club amesán.

5 equipos e arredor de 60 xogadoras
O Fútbol Club Meigas foi posto en marcha no ano 2004. O obxectivo deste club dende a súa fundación foi ofrecer ás xogadoras do concello a posibilidade de practicar fútbol sala, formar unha canteira de xogadoras, e que pouco a pouco sexan estas xogadoras as que fagan crecer o club. Dende a súa posta en marcha, o club foi aumentando o número de equipos e de participantes ata chegar actualmente a estar composto de 5 equipos e arredor de 60 xogadoras.

Asemade, cómpre destacar que este ano o F.C. Meigas, despois de cinco tempadas, volve a máis alta categoría do fútbol sala galego. No pasado mes de xullo, a Real Federación Galega de Fútbol comunicoulle á directiva do F.C. Meigas a inscrición do seu primeiro equipo na liga autonómica galega de cara a temporada 2018-2019. Este ascenso de categoría vén a reforzar a clara aposta deste club pola canteira, pois acadárono cun equipo integrado na súa totalidade por xogadoras formadas na canteira do F.C. Meigas.

O Fútbol Club Meigas encárgase de impartir as escolas deportivas municipais de fútbol sala feminino. Para obter máis información podes chamar ao número de teléfono 670 518 120, enviar un correo electrónico ao enderezo fcmeigas@gmail.com, entrar na páxina web www.fcmeigas.com ou consultar o seu Facebook.

Xornada de portas abertas do Fútbol Club Meigas

Multimedia

  • Cartel das xornadas de portas abertas do Fútbol Club Meigas