Pestanas principais

O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade convoca o III concurso de fotografía e vídeo “Imaxes con Fondo”

Martes, 26 de xullo de 2016

[26-07-2016] O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, do que o Concello de Ames é socio, convoca este ano a terceira edición do concurso de fotografía e vídeo Imaxes con Fondo. O concurso ten como tema central a multiculturalidade e as recepción de propostas permanecerá aberta ata o 15 de outubro deste ano. Poden participar na categoría xuvenil persoas de entre 14 e 17 anos e de 18 en adiante na categoría adulta. Os premios inclúen material fotográfico, produtos de comercio xusto, películas de temática social e, unicamente na categoría adulta, unha viaxe a Mozambique.

O concurso Imaxes con Fondo nace no ano 2012 da man do Fondo Galego como unha ferramenta para promover a reflexión e animar aos e ás cidadáns a mudar a súa actitude, adoptando condutas máis solidarias e respectuosas cos demais. Este ano o concurso inclúe por primeira vez a modalidade de vídeo.

A este certame poderanse presentar todas as persoas interesadas a partir dos 14 anos e residentes, independentemente da súa nacionalidade, ou nadas en Galicia. O concurso divídese en dúas seccións: a xuvenil, de 14 a 17 anos, e a adulta, a partir dos 18 anos. Os traballos, tanto de vídeo como de fotografía, deberanse axustar a temática da multiculturalidade. Entendida esta, iso si, nun senso amplo.

Búscase que as propostas poñan en valor os aspectos positivos da convivencia multicultural, denuncien actos ou actitudes de desprezo ou discriminación cara outras culturas, que promovan o diálogo e o respecto, contrarresten o discurso mediático e político de rexeitamento ás persoas migrantes, sexan ou non sexan refuxiadas. Os traballos poden afondar ademais nas mostras de solidariedade e mobilizacións organizadas a prol da acollida de migrantes ou refuxiados no país de orixe.

Tres premios por categoría
Haberá tres premios por categoría, tanto na sección de fotografías como na de vídeos. Na categoría xuvenil o primeiro premio é unha cámara de fotografía, ou de vídeo dependendo do tipo de traballo, o segundo un lote de produtos de comercio xusto, e o terceiro un lote de películas de temática social.

Na categoría adulta o primeiro premio é unha viaxe a Mozambique, para realizar un traballo fotográfico ou audiovisual da man de entidades parceiras no país. A viaxe realizarase no ano 2017 e poderase prolongar entre 15 ou 30 días. As obras serán cedidas ao Fondo Galego. O segundo e o terceiros premios son, coma no caso da categoría xuvenil, unha cesta de produtos de comercio xusto e un lote de películas de temática social respectivamente.

As persoas interesadas en participar teñen ata o 15 de outubro para presentar as súas propostas e os documentos requiridos nas bases, as cales se poden descargar premendo na ligazón que está debaixo do apartado de descargas. Deberanse enviar ao enderezo imaxesconfondo@gmail.com. Para máis información pódese visitar o enderezo web de Imaxes con Fondo ou enviar un correo ao citado enderezo, así como chamar ao teléfono 986 843 436.