Pestanas principais

O fin de semana chega a Ames con cine, ciclismo, teatro e a reivindicación da igualdade

Venres, 11 de marzo de 2011

[11-03-2011] Os veciños e veciñas de Ames poderán gozar de actividades moi variadas ao longo deste fin de semana. Hoxe proxectarase na Casa da Cultura a película "Avatar", e mañá pola tarde este mesmo escenario acollerá o acto de conmemoración do Día da Muller. Ademais, o sábado a Praza de Chavián acollerá as xincanas ciclistas, e o domingo volveremos á Casa da Cultura de Bertamiráns para gozar coa representación da obra "A pequena lúa" da man da compañía de monicreques A Xanela do Maxín.

A veciñanza amiense ten por diante un fin de semana cargado de actividades de todo tipo e para todas as idades. O cine, o teatro, o ciclismo e a conmemoración do Día da Muller son algunhas das citas que ten programadas o Concello de Ames para esta fin de semana.

Hoxe ás 19:00 horas proxectarase na Casa da Cultura a película "Avatar" dentro do ciclo de cine xuvenil no que xa se emitiron cintas como "Celda 211" ou "El equipo A". O filme, de James Cameron, é un espectáculo visual sen precedentes que narra a loita entre a especie extraterrestre indíxena dun planeta afastado e os colonizadores humanos ao servizo dunha autoritaria corporación.

Mañá sábado será un día especialmente cargado de actividades. Ás 16:30 horas a Praza de Chavián acollerá unha nova edición das Xincanas Ciclistas. Os cativos e cativas que teñan de catro anos en diante poden participar nesta actividade con calquera tipo de bicicleta co fin de amosar as súas habilidades e destrezas e terán que ir provistos de casco. Ademais de poder participar en probas de habilidade na bicicleta tamén haberá un circuíto de bicicletas de tres rodas (trickers). Esta actividade está organizada pola Concellaría de Cultura, Deportes e Patrimonio Histórico e colabora a Asociación Galega de Ciclistas.

Ás 19:30 horas con motivo da celebración do día internacional da muller o 8 de marzo, o Concello de Ames realizará un acto conmemorativo co que pretende recoñecer a importancia da loita da muller por ocupar o espazo que lle corresponde na sociedade.

Neste acto presentarase a campaña "Toma o relevo", que pretende promover e fomentar a responsabilidade compartida das tarefas domésticas e no coidado de fillas/os e familiares dependentes. A través desta campaña realizouse un spot publicitario, que se estreará neste acto, unha cuña de radio, que se emitirá en diferentes emisoras radiofónicas, e diferentes elementos de cartalería.

Tamén haberá tempo para escoitar as intervencións dos diferentes grupos políticos municipais e dar lectura ao manifesto do goberno municipal. O acto rematará coa proxección da película "Señora de", dirixida pola galega Patricia Ferreira. O filme pretende retratar a vida de distintas mulleres (representacións ficticias de realidades comúns) que pola súa condición sexual non se lles permitiu cumprir cos seus anhelos máis básicos, ancoradas sempre a unha presenza non sempre física do home como elemento de control, contención e censura das súas actividades.

O domingo, ás 17:00 horas, a compañía A Xanela do Maxín Teatro representará na Casa da Cultura de Bertamiráns a peza de teatro infantil "A pequena lúa". Trátase dunha proposta escénica dirixida a un público familiar, onde valores como a tenrura, o respecto ou a solidariedade cobran importancia para levarnos a un mundo onde a violencia non ten cabida e a ilusión fai dos soños unha realidade. Nesta historia o noso protagonista, un gato viaxeiro, poeta, bohemio e moi falador coñece á gatiña Lúa e xuntos, con cariño e comprensión descubrirán os segredos da vida. Aprenderán que con versos e moita ilusión se pode superar calquera dificultade. A obra ten unha duración de 50 minutos.