Pestanas principais

O filme “Antes de nós” inaugura este venres unha nova edición do ciclo Cine de outono

Xoves, 06 de novembro de 2025

Este venres comeza unha nova edición do programa “Cine de outono”, un ciclo de cine que ten como obxectivo achegar á veciñanza de Ames filmes en galego durante o mes de novembro. Nesta ocasión, proxectaranse dúas películas, a primeira delas será “Antes de Nós”, o venres 7 de novembro no auditorio de Bertamiráns, ás 20.00 horas. As entradas xa se poden adquirir a través da Billeteira electrónica.

Este mes de novembro chega con novas propostas culturais para a veciñanza de Ames. Nesta ocasión, cunha nova edición do programa “Cine de outono”, unha proposta organizada pola Concellaría de Cultura que achega á veciñanza diferentes filmes en galego. A primeira das sesións terá lugar este venres, 7 de novembro, ás 20.00 horas, no auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns, coa proxección de “Antes de Nós”. 

“Antes de Nós”
O filme, estreado o pasado 21 de maio, está dirixido por Ángeles Huerta e conta con guión de Pepe Coira. Ademais, esta proxección forma parte da programación polo Ano Castelao do Concello de Ames, xa que conta parte da vida de Castelao. 

Na longametraxe nárrase a historia dunha parella en dous momentos Un baile continuo de separación e reencontro. Dúas historias entrelazadas. 1918, Castelao deixa o seu posto de funcionario en Pontevedra para traballar como médico en Rianxo durante a gripe española. Un heroe para o pobo, pero un home ausente para a súa muller, Virxinia. En 1929, a parella percorreu Bretaña uns meses despois da perda do seu único fillo. Dous seres rotos e un vínculo que xa non se entende. Unha viaxe que os unirá para sempre. Castelao antes de ser Castelao. Galicia ante a “xeración Nós”. Castelao e Virxinia antes de ser “nós”.

Segunda sesión do ciclo
Por outra banda, o xoves 13 de novembro, ás 20.00 horas, no auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro, proxectarase a curta “Ratiña”, dirixida por Alicia Úbeda. Esta proxección está subvencionada pola Deputación da Coruña e forma parte dunha actividade de mediación. Nesta sesión tamén contarase coa presenza da directora da curta para un coloquio posterior. 

“Ratiña” é a primeira de varias historias autobiográficas na que, nesta ocasión, a protagonista é unha nena de nove anos que sofre bullying na escola e como afronta esa situación na súa casa. Ratiña amosa unha cara menos coñecida das consecuencias do bullying, que é a soidade que pode sentir unha nena cando, ademais de pasar medo no cole, non ten as ferramentas para pedir axuda na súa casa.

O filme “Antes de nós” inaugura este venres unha nova edición do ciclo Cine de outono

Multimedia

  • O filme “Antes de nós” inaugura este venres unha nova edición do ciclo Cine de outono