Pestanas principais

O festival de verán Encontros culturais no Pazo consolídase dentro do panorama cultual galego

Luns, 14 de xullo de 2014

[14-07-2014] O pasado venres, 11 de xullo, desenvolveuse a segunda xornada do festival de verán Encontros culturais no Pazo, que incluíu a actuación de Dani García e Gonçalo Guerreiro co espectáculo Os sons do vento que pasa, enmarcado no programa FalaRedes. A principal actuación desta segunda xornada foi o concerto do grupo de pandereteiras, Leilía, ao que acudiron un gran número de persoas de Ames e da súa contorna. Os xardíns do Pazo da Peregrina acolleron este concerto co que se pechou o programa deste evento estival. Despois de dúas edicións, este festival de verán Encontros cultuais no Pazo, xa se vai consolidado dentro do programa de concertos de verán en Galicia. A estes concertos tamén asistiron o alcalde de Ames, Santiago Amor, e a concelleira de Cultura, María Eugenia Martín.

O festival de verán Encontros Culturais no Pazo 2014 rematou o venres pasado, 11 de xullo, cun gran concerto da man do grupo Leilía, que presentou o seu último traballo chamado CONsentimento. A través deste traballo, Leilía, volveu a sorprendernos cun espectáculo maduro e fiel ás súas raizames. No ano do seu 25 aniversario, este grupo de pandereteiras, volveu a realizar unha coidadosa posta en escena e unha orixinal instrumentación que sitúan a CONsentimento entre as propostas máis interesantes da música de raíz actual.

Con este concerto, que se desenvolveu nos xardíns do Pazo da Peregrina, púxose o punto e final á segunda edición do festival de verán Encontros Culturais no Pazo 2014. Esta actuación tivo un gran éxito de participación xa que acudiron tanto veciños/as de Ames coma doutros concellos da contorna. Segundo calculan dende a concellaría de Cultura máis de 600 persoas asistiron a este concerto que tivo un ambiente moi familiar xa que moitos pais e nais acudiron con seus fillos/as a ver a actuación deste grupo de pandereteiras. Nenos/as e adultos bailaron e cantaron ao ritmo das cancións de Leilía.

Previamente, ás 20:00 horas, na praza do Pazo da Peregrina actuou Dani García co seu espectáculo Don Gelati, un espectáculo de maxia de rúa con grande mobilidade. Nesta actuación Dani García interpretou unha comedia máxica onde a expresión corporal substituíu ás palabras e a comunicación cos nenos e nenas do público. Un gran número de rapaces e rapazas achegáronse ata o Pazo da Peregrina, para presenciar este espectáculo cos seus pais e nais.

Antes do concerto de Leilía, ás 21:30 horas, representouse o espectáculo Os sons do vento que pasa. Gonçalo Guerreiro ofreceu un concerto de fados-pop cantados en galego, que estivo dirixido a todos os públicos. As cantigas deste espectáculo estiveron acompañadas dos sons dunha guitarra eléctrica e dun pedal de loops, así como de sedutores xogos de iluminación. Este concerto enmarcouse dentro do programa FalaRedes, promovido pola Secretaría Xeral de Política Lingüística para os concellos da Rede de Dinamización Lingüística.

A concelleira de Cultura, María Eugenia Martín, destacou que “despois de dúas edicións xa se pode dicir que o festival de verán Encontros cultuais no Pazo xa se vai consolidado dentro do programa de concertos de verán en Galicia. Este evento naceu con moita ilusión, con vontade de continuidade e con vocación de converterse nunha cita ineludible dentro do panorama cultural galego”. A concelleira subliñou, ademais, os obxectivos cos que naceu este festival: “impulsar e dinamizar a nosa cultura, dar a coñecer o noso patrimonio enchendo de contido o Pazo da Peregrina, apostar pola música emerxente galega e potenciar o papel activo da cidadanía nas actividades culturais”.

Primeira xornada do festival de verán
A primeira xornada do festival de verán contou coa actuación da Cé Orquestra Pantasma. O home orquestra realizou un espectáculo de animación musical ao que asistiron un gran número de nenos e nenas que encheron a praza do Pazo da Peregrina. A rapazada estivo acompañada do seus pais e nais creando un ambiente moi familiar. A Cé Orquestra Pantasma, tamén chamado o home orquestra, interpretou temas populares galegos e cantigas infantís cos que os nenos e nenas se divertiron xogando, bailando e cantando.

O pasado venres, 4 de xullo, tamén actuou o grupo amiense A Requinta da Amaía, que impartiu un obradoiro de baile baseado na participación do público no que, con música en directo, aprendéronlle aos participantes unha serie de xogos e danzas de grupo sinxelas e tamén varios pasos de bailes agarrados (pasodobre, valse, polca, mazurca...).

A actuación do grupo galego de folk Os Cempés, que estaba prevista para pechar a primeira xornada do festival de verán, tivo que ser suspendida polo orballo que caeu sobre Bertamiráns. Este concerto realizarase en canto a axenda de concertos dos Cempés o permita.


Contido relacionado


El Correo Gallego: "O festival cultural de Ames consolídase no panorama galego"