Pestanas principais

O Festival Cinema Crianza será presentado esta fin de semana no Culturgal

Mércores, 29 de novembro de 2017

[29-11-2017] As persoas asistentes á Feira das Industrias Culturais Culturgal, que se celebra esta fin de semana no Pazo da Cultura de Pontevedra, poderán acudir á presentación do Festival Cinema Crianza, que terá lugar o sábado, ás 17:30h, no espazo da Deputación da Coruña. Na presentación participarán o concelleiro de Educación e Cultura do Concello de Ames, David Santomil, a vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín, o director artístico do certame, Marcos Nine, e a coordinadora e socia da cooperativa cultural Urdime, Cristina Fiaño.

Durante a presentación falarase da filosofía do Cinema Crianza, un festival que ten como obxectivo mostrar pezas singulares, que non é posible atopar normalmente nas salas de cinema. Nela tamén se fará fincapé no carácter internacional do certame, xa que o Festival Cinema Crianza non contará só con filmes feitos en Galicia, senón tamén con pezas que proceden de 36 países dos cinco continentes, o que supón, xunto coa minuciosa selección das pezas, un dos seus principais trazos distintivos.

O Festival Cinema Crianza celebrarase entre o 15 e o 17 de decembro nas Casas da Cultura de Milladoiro e Bertamiráns. “Buxainas” e “Axóuxeres” serán as dúas categorías competitivas deste certame. A categoría “Buxainas” englobará aquelas curtametraxes dirixidas a un público de entre 3 e 7 anos e cunha duración que non supere os 25 minutos. Pola súa banda, a categoría “Axóuxeres” acollerá as curtas creadas para nenas e nenos dos 0 aos 3 anos, que teñan un máximo de 10 minutos de duración. 

Fóra da sección competitiva, tamén se proxectarán curtas e longametraxes que, neste caso, estarán destinadas a rapazas e rapaces de entre os 7 e os 12 anos. Promovido pola cooperativa cultural Urdime Propostas Culturais, o Festival Cinema Crianza conta co apoio e financiamento do Concello de Ames e da Deputación da Coruña.