Pestanas principais

O Festival Cinema Crianza celébrase esta fin de semana en Ames coa proxección de 70 pezas cinematográficas

Xoves, 14 de decembro de 2017

[14-12-2017] As Casas da Cultura de Milladoiro e Bertamiráns acollerán, esta fin de semana, o primeiro certame de cinema infantil de Galicia, o Festival Cinema Crianza. Ao longo do venres, sábado e domingo, proxectaranse 70 pezas, escollidas entre as preto de 2.500 propostas presentadas desde os cinco continentes. As pezas, que procurarán espertar nas cativas e cativos a vontade de explorar a realidade, estarán organizadas en función de diferentes franxas de idade. Araceli Gonda, Nico Campo e Amalia Mato, tres recoñecidas e premiadas personalidades do audiovisual galego, conformarán o xurado do Cinema Crianza. As persoas que queiran asistir ás proxeccións deberán retirar, previamente, as entradas na Billeteira do Concello de Ames. O prezo de cada sesión variará entre a entrada libre nalgúns dos pases e os dous euros para os adultos e o euro para as crianzas noutros. Mesmo nas sesións de balde será preciso retirar a entrada previamente a través da Billeteira.

Do 15 ao 17 de decembro, o Concello de Ames acollerá o festival internacional de cine infantil Cinema Crianza. Un festival que nace coa vontade de propiciar nas nenas e nenos a descuberta e o gusto polo cinema, a formación dunha sensibilidade artística e o fomento do interese e do espírito crítico ante o consumo audiovisual. Do mesmo xeito, o festival tamén pretende ser unha porta aberta á interculturalidade potenciando, ao mesmo tempo, unha reflexión sobre valores, ideas e pensamentos de alto valor social e cultural. O Cinema Crianza busca, asemade, tornarse nun escaparate de promoción para cineastas e produtoras do noso país motivando, desta maneira, a creación de cinema galego para a infancia.

O Cinema Crianza contará ademais con dous acomodadores moi especiais. Atenea Gharsía e Simón Pinhón serán os encargados de facer que as nenas e nenos se sintan cómodos nos auditorios das Casas da Cultura do concello. Gharsía e Pinón serán, polo tanto, os responsables de que todo o mundo estea sentado no seu correspondente asento e de contar algunha peculiaridade sobre as pezas que se van a visionar. Araceli Gonda, Nico Campos e Amalia Mato, tres recoñecidas e premiadas personalidades do audiovisual galego, conformarán o xurado desta primeira edición do Cinema Crianza.

Araceli Gonda é guionista e ten participado en moitas das series máis coñecidas de Galicia como Padre Casares, Cuarto sen ascensor, A vida por diante ou Serramoura. A súa participación en 18 comidas valeulle unha nominación aos Mestre Mateo. Amalia Mato, pola súa banda, é a responsable do desenvolvemento de series e programas tan exitosos como Mareas Vivas, Terra de Miranda ou Nada é para Sempre. Ligada profesionalmente á Voz Audiovisual, tamén exerce como profesora e asesora. Por último, Nico Campos é guionista e realizador. Coñecido polo seu traballo en programas infantís tan destacados como o Xabarín Club, así como pola súa participación en documentais, spots, videoclips e programas radiofónicos, Campos é actualmente o presidente da Asociación Galega de Guionistas. 

A programación do venres no Milladoiro
Ás 18:00 horas do venres, 15 de decembro, darase inicio á primeira das proxeccións do Cinema Crianza: unha escolma de contos clásicos da cineasta alemá e pioneira do cine de animación Lotte Reiniger. Dirixida tanto a crianzas como a persoas adultas, a proxección incluirá clásicos tais como a Cincenta, Pulgariña, A bela durminte, Hansel e Gretel, Brancaneves e Rosavermella e O ganso de ouro.

Posteriormente, ás 20:00 horas, proxectarase o filme A casa da luz, que estará destinado a nenas e nenos maiores de 7 anos. Dirixida por Carlos Amil, este filme galego conta a historia de Alicia e as súas amigas e amigos, que pasan as vacacións xunto a Duarte, un bohemio pintor. Todo se complica coa desaparición do artista e a descuberta dunha misteriosa casa nas aforas da vila. Para maiores de 9 anos será a proxección que está programada para as 21:45 horas. Dous Mundos é un filme polaco que relata a historia de Laura, unha nena de 12 anos cuxos pais son xordos. A longametraxe, que pon o foco na sensibilidade desta nena que exerce de guía e titora dos seus proxenitores ao mudarse para outro lugar, transmite unha sensibilidade que nace da interface entre dous mundos e que se apoia na solidariedade e na xenerosidade.

A programación do venres en Bertamiráns
O festival tamén comezará nesta localidade ás 18:00 horas, cunha exhibición de pezas de Lotte Reiniger. A sesión que se presenta baixo o nome “Maxia e Música” acollerá a proxección das pezas Dez minutos de Mozart, O corazón roubado, Papageno, A bela Helena e A estrela de Belén, que estarán orientadas a un público de todas as idades. Ás 20:00 horas terá lugar a exhibición do filme alemá Ao nivel dos ollos. A longametraxe, que está dirixida a nenas e nenos maiores de 9 anos, conta a historia de Michael, un orfo que vive nunha casa de acollida e que, a diario, ten que loitar para gañarse o respecto das demais nenas e nenos. Un día, descobre quen é seu pai e decide enviarlle unha carta. Porén, ese home non ten nada que ver co que imaxinara. O seu pai é anano, polo que Michael terá que aprender a loitar contra as burlas dos demais, así como contra a súa propia vergoña e prexuízos.

O filme Só é o principio porá punto e final a sesión do venres en Bertamiráns. A longametraxe francesa, que está dirixida a un público maior de 9 anos e que está especialmente recomendada para nais, pais e profesionais da educación, é un documental sobre unhas clases de filosofía para crianzas. Os expresivos e vitais protagonistas chámanse Azouaou, Abderhamène, Louise, Shana, Kyria e Yanis, teñen entre tres e catro anos e, xuntos, expoñen libremente as súas emocións e contradicións, as súas ideas sobre o amor, a liberdade, o liderado, a intelixencia e a morte. 

A programación do sábado no Milladoiro
Ás 11:00 horas, proxectarase a sesión de curtas “Pequenas Criaturiñas”, dirixida a bebés entre os 0 e os 3 anos. Os protagonistas desta sesión serán a música, as cores e as criaturas máis rebuldeiras como mouchos, raposos, serpes, crocodilos, monos, cangrexos, polbos e ata ourizos. Todas as curtametraxes desta sección son candidatas ao Premio Axóuxeres, que galardoará ao mellor filme para público menor de tres anos. As pezas que se proxectarán serán as francesas Hulu Berlu e O trineo, a arxentina Terra sen mal, a brasileira O fin da fila, a xaponesa Pops, a grega Zoorini, a australiana A historia do cangrexo, a catalá O neno e o ourizo e, finalmente, a iraniana Hora de durmir.

A sesión das 12:00 horas, que se presenta baixo o nome “Música para parrulos I”, estará tamén destinada a todos os públicos. Nesta sesión, poderase cantar e bailar ao ritmo de Uxía, Ghazafellos, Migallas, Paco Nogueiras, Golfiños e María Fumaça. Ademais, a sesión contará coa participación de Magín Blanco, que acompañará ás persoas asistentes coa súa guitarra. Xa pola tarde, ás 16:30 horas, desenvolverase a sesión “Narracións Extraordinarias”, dirixida a crianzas maiores de tres anos. As pezas deste espazo caracterizaranse polo onírico, o misterioso e o aventureiro. Todas as curtas que se proxectarán son candidatas ao Premio Buxainas: a mexicana Unha idea, a inglesa O corcovado e o cisne, a arxentina O neno e a noite, a portuguesa A miña Casiña, a australiana Anxélica, a rusa Conto de Mantiña, a iraniana Hezar Afsan, a canadense Por que se ten que poñer o sol?, a estadounidense Twin On e a arxentina O maquinador.

Ás 18:00 horas, proxectaranse as curtas da sesión “A miña familia e outros animais I”, que relatará as non sempre fáciles relacións entre as crianzas e os adultos. Dirixida a nenas e nenos maiores de 7 anos, esta sección acolle historias de nenos que xogan con dinosauros, nenas que non queren facerse maiores, descubridores que atopan buracos negros e ata retiros espirituais para nais e pais que esqueceron o que era ser pequeno. Todas as pezas desta sesión son candidatas ao Premio Buxainas. As persoas asistentes poderán visionar as seguintes curtas: as galegas Matías e Einstein-Rosen, a danesa Ronja, a francesa O meu neno interior, a brasileira Estraño impar, a sueca O principiño, a estadounidense O home de auga doce e a rusa O conto de fadas no asfalto.

Ás 20:00 horas, o auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro acollerá a sesión de pezas da cineasta Lotte Reiniger, visionadas o venres en Bertamiráns. A xornada do sábado rematará no Milladoiro coa exhibición do filme francés Ao nivel dos ollos, que estará dirixido a nenas e nenos maiores de 9 anos. 

A programación do sábado en Bertamiráns
A xornada do sábado abrirase en Bertamiráns con “Audiovisual e ensino: Colectivo Recreo e Cinema en curso”. As familias e profesionais da educación poderán atopar nesta sesión un espazo de encontro no que debater sobre o papel do medio audiovisual no ensino, a través da presentación de dous proxectos educativos que incorporan o audiovisual como ferramenta de expresión e coñecemento. Un destes proxectos é de carácter público, Cinema en Curso, e o outro é privado, Colectivo Recreo. A sesión estará conducida polas responsables dos proxectos, Mónica García Iglesias e Marta Somoza. Ademais, nela poderanse ver algúns dos traballos realizados no marco destes proxectos como é o caso da curta realizada polo alumnado do IES do Milladoiro, titulada De Milladoiro a Seidón ou Paisaxes Habitadas, dirixida polo Colectivo Recreo.

Ás 13:00 horas, proxectarase a sesión de curtas “A grande ilusión”, que estará dirixida a crianzas maiores de 7 anos e estará centrada no cinema. As pezas desta sección narrarán historias de nenas e nenos que fan filmes, filmes cos que expresarse e filmes cos que facer soñar a outras crianzas. As curtametraxes que se exhibirán, todas candidatas ao Premio Buxainas, son: a brasileira Outubro acabou, a indonesia O ceo dos nenos, a italiana O regalo de Alice e a kirguís Namorado do cine.

Ás 16:30 terá lugar a proxección das curtas da Editorial OQO, destinadas ás máis pequenas e pequenos da casa. Esta editora, alén de publicar contos, tamén produciu unha serie de curtametraxes que se poden desfrutar desde os 0 anos. As pezas relatan a historia dunha grande viaxe, dan a coñecer o que máis doe no mundo e mostran as aventuras dunha nena fedella e dunha tartaruga que quere durmir todo o inverno. As curtas desta sección teñen os seguintes títulos: A cousa que máis doe do mundo, A grande viaxe, A tartaruga que quería durmir e Tres osos.

Ás 17:30 horas exhibirase o filme galego A casa da Luz. Ás 19:30h, as persoas interesadas poderán acudir á proxección da longametraxe Minúsculos: o val das formigas perdidas. Un filme francés, que está dirixido a un público maior de tres anos e que se centra na historia dun pequeno e pacífico val, no que os restos dunha merende abandonada desencadean unha guerra entre dúas tribos de formigas. Ás 21:00 horas, proxectarase o filme Dous Mundos. Por último, as 22:00 horas, as mozas e mozos maiores de 12 anos terán a oportunidade de asistir ás proxeccións encadradas dentro da sección “Metamorfoses”, candidatas ao Premio Buxainas. Estas pezas narrarán algúns dos conflitos e problemas máis típicos da puberdade. Conforman esta sección a curta australiana Bitchboy, a canadense Antes de min, a brasileira Menarca, a india Antes do colapso, a costarricense O despertar das formigas e a australiana A partida

A programación do domingo no Milladoiro
A mañá do domingo no Milladoiro comezará ás 11:00 horas coa exhibición das curtas creadas pola Editorial OQO. Ás 12:00 horas, poderase ver unha escolma de pezas do proxecto Cinema en Curso. A sesión, que estará guiada pola responsable do proxecto en Galicia, mostrará algúns dos traballos realizados polo alumnado de Primaria e Secundaria que participaron deste programa pedagóxico. Estes traballos serán Deixando atrás, do CEIP A Rúa de Cangas, Terra dos Arxinas, do CEIP de Tenorio en Cotobade, e Desde os nosos barrios, do Colexio Montserrat – Orcasitas de Madrid.

Ás 16:30 horas darase paso á sesión “Brotes Verdes”, na que o medio ambiente será o protagonista, con pezas centradas no valor da auga, nos perigos da contaminación ou na importancia de manter limpas as rúas das nosas vilas e cidades. Estas pezas, que estarán destinadas a un público maior de 7 anos, son candidatas ao Premio Buxainas. Conforman esta sección a coprodución franco-colombiana A auga é libre, a iraniana Bandada de estrelas, a turca Bosque, a belga O meu bosque, a croata O verdadeiro custo do carbón, a sudafricana Espertar a Budohi e a taiwanesa Só quero unha casa.

Ás 17:45 visionarase o filme Minúsculos: O val das formigas perdidas. Posteriormente, ás 19:15h, será a quenda da longametraxe francesa Só é o principio. O festival Cinema Crianza rematará ás 21:00 horas coa proxección das curtas premiadas.

A programación do domingo en Bertamiráns
Ás 11:30 horas, comezará a xornada de filmes do domingo coa sección “Querido Planeta”, dirixida a nenas e nenos desde os 0 anos. Nesta sección, poderanse ver gatos espaciais, robots aos que lles gusta a reciclaxe e historias que advirten sobre os perigos da contaminación. De igual maneira, estas pezas tamén mostrarán costumes ancestrais, consellos para mellorar o tráfico e recomendacións sobre que facer cos xoguetes dos que xa nos aburrimos. Farán parte desta sección as seguintes curtas: a iraniana Big Booom, a malaia Alá Fóra, a brasileira O novo xoguete, a húngara O atasco, a rusa Catmos, a iraniana Feliz Nowruz e a canadense Sunny & Gerd in Spring Cleaning.

Após a sección “Querido Planeta”, desenvolverase a sesión “Música para Parrulos II”, da man de Magín Blanco. A sesión incluirá os seguintes temas: Rocanrol dragón, A cidade, Eu falo así, Soñar, Todos somos capitáns, Doce, Voa paxariño, e Marcho que teño que marchar. Xa pola tarde, ás 16:30 horas, proxectaranse as pezas da sección “Narracións Extraordinarias II”: a italiana Charlot, as españolas Unha aventura de medo e Afinando, a checa Espertador, a sigapurense Explosión, a israelí Pequena Criaturiña, as estadounidenses Na procura do cristal e A caza da alpaca, a taiwanesa Resplandor, as francesas Tentación e Illas Xemelgas e a austríaca Dúas moi peculiares.

Ás 18:00 horas, visionaranse os contos clásicos de Lotte Reiniger. Hora e media despois, ás 19:30 horas, darase paso á exhibición da sección “A miña familia e outros animais II”, que incluirá a curta rusa Neno grande, a irlandesa Lazos terreais, a indonesia A xogar!, a holandesa Ricos, a australiana Sopa de Tartaruga e a checa Xmess. Ás 21:00 horas terá lugar a sesión de clausura coa proxección das curtas premiadas.