Pestanas principais

O FC Meigas organiza, en colaboración co Concello de Ames, o 1º Clinic para técnicos de Fútbol

Luns, 07 de decembro de 2015

[07-12-2015] O sábado 26 de decembro o Fútbol Club Meigas organiza, en colaboración co Concello de Ames, o primeiro Clinic para técnicos do Fútbol. A xornada impartirase no Salón de Actos da Casa da Cultura de Bertamiráns, e dividirase en dous bloques de charlas. O primeiro comezará ás 9:30 e rematará ás 13:00 horas do mediodía; o segundo desenvolverase entre as 16:30 e as 20:00 da tarde.

Santi Valladares, adestrador do Santiago Futsal, abrirá a xornada coa ponenza 'O xogo de 1', seguido por Mon Barreiro, 2º adestrador do Santiago Futsal que falará sobre 'O xogo de 2'. Tras unha pausa, ás 12:00, exporá 'Aspectos defensivos do 1x1 e 2x2' Adri Martiño, adestrador do equipo filial do Santiago Futsal e pechará a mañá Xabi López, preparador físico do Azkar Lugo coa charla 'O porteiro moderno'.

Pola tarde, ás 16:30, Mon Barreiro disertará sobre a 'Análise técnica do porteiro de Futsal', Graciela Lois, psicóloga no Santiago Futsal, impartirá unha charla acerca da 'Dirección de equipos de base'. Trala pausa da tarde, ás 19:00 Santi Valladares continuará cunha exposición sobre 'O xogo de 3' e Adri Martiño pechará a xornada cunha exposición do 'Deseño de sesións e tarefas de formación'.

Para a información e inscricións pódese chamar ao teléfono 670518120 ou enviar un correo ao enderezo fcmeigas@gmail.com. O prezo por praza é de 20 euros, con posibilidade de redución para grupos (máis de tres persoas). Os monitores do Santiago Futsal pagarán a metade da tarifa e os de Ames poderán acudir ao evento de forma gratuíta.