Pestanas principais

O Executivo amiense reúnese cos grupos da oposición para valorar as propostas para o POS 2013

Mércores, 12 de decembro de 2012

[12-12-2012] O salón de plenos da Casa do Concello de Ames acolleu esta mañá unha reunión do Executivo cos representantes dos grupos da oposición para poñer sobre a mesa as diferentes propostas para o Plan de Obras e Servizos (POS) 2013 da Deputación da Coruña. A esta xunta de voceiros asistiron o alcalde de Ames, Santiago Amor; o concelleiro de Urbanismo e voceiro do grupo popular, Ramón Argibay; o voceiro do grupo socialista, José Manuel Miñones, e o concelleiro Anxo Doval.

Durante o encontro, o voceiro do grupo socialista puxo sobre a mesa un conxunto de propostas e o representante do grupo dos non adscritos propuxo que se estableza un procedemento de cara a elixir as obras que serían máis axeitadas mediante consultas ás asociacións veciñais. O Goberno amiense comprometeuse a analizar e valorar as propostas presentadas e a convocar un novo encontro para seguir avanzando.

Este encontro realizouse co obxectivo que se marcou o Goberno amiense de buscar o consenso de cara á elaboración da proposta para o Plan de Obras e Servizos (POS) 2013. Con este fin, o Executivo convocou ao representantes do grupo socialista e dos non adscritos de cara a expoñer as diferentes propostas e buscar un acordo que redunde no beneficio e na mellora do benestar dos veciños e veciñas amienses.


Contido relacionado


El Correo Gallego: "O Executivo amiense reúnese cos grupos da oposición para valorar as propostas para o POS 2013"