Pestanas principais

O evento "Lab Class – Más que palabras", na Casa da Cultura do Milladoiro

Luns, 22 de novembro de 2021

A empresa amesá Escuela Inventa organiza o próximo venres 3 de decembro a vixésimo primeira edición do evento "Lab Class – Más que palabras", coa colaboración da Concellaría de Promoción Económica de Ames. Sete relatores e relatoras noveis de diferentes sectores empresariais realizarán exposicións duns once minutos, nas que compartirán as súas ideas e experiencias profesionais poñendo a proba as súas habilidades comunicativas. Será na Casa da Cultura do Milladoiro, das 16:30 ás 20:30 horas, con entrada de balde previa reserva.

O evento serve como última proba para as persoas participantes nun dos seminarios de Escuela Inventa para aprender e mellorar a falar en público, cunha experiencia real que lles permite ensaiar as técnicas adquiridas durante a formación comunicativa. Nas exposicións, etiquetadas como “Momentos Inspiradores”, deben introducir ideas, visións e aprendizaxes relacionadas coas súas propias traxectorias profesionais.

Ademais destas conferencias, o acto formativo incluirá a presenza do alcalde de Ames, Blas García, que participa nunha sesión de entrevistas xunto con Eloy Gesto, director de Escuela Inventa, e Paula Vázquez, empresaria e participante nunha das anteriores edicións dos seminarios de habilidades comunicativas da empresa.

A concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, quixo destacar a importancia de colaborar con empresas locais e de xerar boas relacións entre o tecido empresarial. “É importante colaborar con este tipo de iniciativas, tendo en conta que Escuela Inventa se sitúa no propio Parque Empresarial do Novo Milladoiro. Con este tipo de eventos favorecemos as sinerxías empresariais e contribuímos á mellora de relacións entre empresarios de Ames e da comarca, doutros puntos do territorio galego e mesmo de varios puntos de España”.

As entradas xa están dispoñibles de maneira gratuíta para asistir como público, a través dun formulario na páxina web de Escuela Inventa.

Sete exposicións de once minutos

Sete das persoas que formaron parte do alumnado da empresa Escuela Inventa poñen fin a súa formación con relatos sobre as súas experiencias e traxectorias profesionais. As conferencias serán “Capitanes de nuestro destino”, de Álvaro Solano; “Un salto vital, del miedo al amor”, de Fran Zapata; “Los ricos también lloran”, de José Juan Albert; “Y si, he triunfado sin saberlo”, de Maricruz Anaya; “Más vale prevenir, que curar”, de María Natalia Vázquez, e “Y si es el agua, la energía del futuro”, a cargo de Pedro Juan Rodríguez.

O evento "Lab Class – Más que palabras", na Casa da Cultura do Milladoiro

Multimedia

  • O evento "Lab Class – Más que palabras", na Casa da Cultura do Milladoiro