Pestanas principais

O eurodeputado Nicolás González Casares avala o proxecto amesá que fomentará a creación de comunidades enerxéticas en Ames

Venres, 05 de xaneiro de 2024

O eurodeputado Nicolás González Casares, membro da Comisión de Industria, Investigación e Enerxía e impulsor da reforma do mercado eléctrico en Bruxelas, realizou unha visita ao concello de Ames para interesarse polo proxecto da Oficina de Transición Comunitaria que estará en funcionamento en marzo deste ano 2024 e que na actualidade xa conta cun espazo propio na web do Concello de Ames.

O proxecto amesá de posta en marcha dunha oficina de asesoramento para a creación de comunidades enerxéticas foi avalado polo eurodeputado Nicolás González Casares, que visitou o Concello de Ames para informarse sobre o estado do proxecto, así como para darlle nocións ao departamento técnico municipal sobre as directrices comunitarias que marcarán o aceso a financiamento europeo nos próximos tempos. Casares indicou que “a evolución en materia de eficiencia e aforro enerxético é constante, polo que é necesario estar a vangarda para non quedar atrás. Ames está realizando unha aposta forte e decidida que comezará dar froitos a partir de marzo deste ano”. O alcalde, Blas García, recordou a reunión que mantivo con Casares en Bruxelas en outubro do ano 2022, onde se abordaron as posibilidades para afrontar os retos enerxéticos do futuro en materia de eficiencia e aforro enerxético, en concreto sobre as xa
mencionadas comunidades enerxéticas: “Os froitos desta reunión e de todo o traballo posterior serán palpables a partir do mes de marzo, cando a OTC de Ames estará funcionando e a veciñanza amesá comezará a beneficiarase deste asesoramento para abaratar a da luz”.

Este proxecto de asesoramento para a creación de comunidades enerxéticas tomou forma ao obter unha axuda de 80.000 euros do Instituto para a Diversificación e o Aforro da Enerxía (IDAE), sendo Ames un dos únicos cinco concellos en toda Galicia que conseguiu esta subvención. Estes fondos, enmarcados no plan de recuperación NextGenerationEU, non serán a única achega que reciba o Concello de Ames para a creación desta Oficina de Transición Comunitaria (OTC), pois no último pleno do ano 2023 o Goberno local logrou o apoio unánime da Corporación para a solicitude dunha subvención nominativa á Deputación da Coruña por un total de 25.200 euros. A estes 105.200 euros que suman a axuda eupopea e provincial súmanse 40.000 euros que o Concello de Ames destinará de fondos propios. A inversión total nesta oficina é de 145.200 euros.

Axenda Urbana 2030
Ames está inmerso no proceso de redacción da súa Axenda Urbana 2030, a folla de ruta que vai marcar a estratexia e as accións para levar a cabo ata 2030, para facer das vilas e cidades ámbitos de convivencia amables, acolledores, saudables e concienciados. A elaboración deste documento será de vital importancia para acceder a financiamento comunitario nun futuro. Este documento será consensuado con todos os grupos políticos pois “o futuro de Ames debemos decidilo entre todas e todos. O diálogo e a colaboración entre concelleiros e concelleiras serán vitais para sacar adiante esta axenda”.

A creación deste documento é, un fito que, segundo o eurodeputado, vai condicionar de forma positiva as futuras axudas europeas que poidan chega ao municipio: “O concello de Ames está sendo unha institución exemplar á hora de elaborar a Axenda Urbana 2030, pois actualmente xa está traballado en importantes eidos como son a descarbonización facendo espazos máis vivibles e para as persoas ou a consecución de enerxía barata e limpa para a veciñanza coa OTC que pretenden crear".

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Espaldarazo desde la UE al proyecto de comunidades energéticas de Ames y su oficina de transición"

Visita do eurodeputado Nicolás González Casares ao concello de Ames