[05-02-2015] Este martes, 3 de febreiro, reuniuse o xurado para elixir os establecementos comerciais premiados no IX Concurso de Escaparates de Nadal 2014, organizado pola Concellaría de Comercio, Promoción Económica, Traballo e Turismo, e no que participaron un total de 29 empresas. Tralo ditame do xurado, nesta edición o primeiro premio recaeu en El Desván de Pestañas. O segundo premio é para Arcea-Adames, mentres que o terceiro premio levouno Adria. Este ano o premio especial do público recaeu en Queen´s. En total, o Concello repartiu 2.000 euros entre todos os premios existentes.
Sorteo dun “iPhone 6” entre a clientela amesá
Ademais, sorteouse un “iPhone 6” entre toda a clientela que emitiu, polo menos, un boleto nas urnas colocadas para tal efecto. A gañadora deste agasallo é Dolores Somoza Acuña, veciña do Milladoiro, que recibiu o seu boleto en Puntadas de Marzo, tamén do Milladoiro.
Este ano formaron parte do xurado catro persoas. Cada unha destas persoas representou a unha das asociacións de comerciantes e profesionais existentes no Concello. Así a Asociación de Comerciantes de Bertamiráns designou a Nina Boullón Pena como a súa representante; a Asociación de Empresarios, Comerciantes e Profesionais do Milladoiro nomeou a Jorge Capeáns Vales; a Asociación de Pequenos Comerciantes Viorneira, Palmira Bulebar elixiu a José Manuel Fernández Gómez; e a Asociación de Empresarios do Parque Empresarial do Milladoiro designou a Salomé Blanco Gómez Caramés.
Cada membro do xurado puntuou o deseño e a orixinalidade dos traballos presentados, tendo en conta tamén os criterios de composición e a elaboración propia. O xurado contou co asesoramento técnico da profesional Antonia Pinto Veloso, e dous traballadores da Concellaría de Comercio, Promoción Económica, Traballo e Turismo actuaron como secretarios.
Premendo nos enlaces que están a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás ver o reconto dos puntos emitidos polo xurado e o resultado da votación do premio especial do público.
Neste concurso, os establecementos comerciais amienses competiron co engalanado dos seus escaparates, que estiveron expostos dende o 15 de decembro de 2014 ata o 5 de xaneiro de 2015. O concurso tivo 29 participantes (15 de Bertamiráns e 14 do Milladoiro).
Tralo ditame dos membros do xurado xa se coñecen os gañadores deste concurso. O primeiro premio recaeu en El Desván de Pestañas, situado na rúa Ameneiral de Bertamiráns, que obtivo 79 puntos. O segundo premio foi para Arcea-Adames, que ten o seu local situado na rúa de Abaixo do Milladoiro, e que obtivo 68 puntos. Por último, o terceiro premio recaeu en Adria, que está situado na praza do Concello de Bertamiráns, e que sumou 67 puntos. O primeiro premio está dotado de 800 euros, o segundo premio é de 600 euros e o terceiro premio dispón de 400 euros.
Por outra banda, este ano o premio especial do público foi para Queen´s, situado na avenida da Peregrina de Bertamiráns, que obtivo 145 votos. Para determinar este premio, que está dotado con 200 euros, tivéronse en conta todas as votacións que fixeron os veciños e veciñas de Ames durante a campaña comercial de Nadal. Para iso, o Concello entregoulle 150 boletos a cada establecemento inscrito no Concurso de Escaparates, para que foran distribuídos entre a súa clientela. Posteriormente, os veciños/as tiveron que depositar os devanditos boletos nas urnas situadas para tal efecto tanto na Casa de Cultura e Casa do Concello, en Bertamiráns; como na Casa de Cultura e na Biblioteca municipal, do Milladoiro.

Contido relacionado

La Voz de Galicia: "Ames falla el concurso de escaparates navideños"




