Pestanas principais

O espectáculo Totum Revolutum pecha este domingo no Milladoiro o programa de Cultura no Camiño

Mércores, 07 de setembro de 2016

[07-09-2016] Este domingo o Milladoiro acolle o último espectáculo cultural promovido polo programa Cultura no Camiño 2016. Este programa de dinamización cultural colabora con aquelas adminitracións locais por cuxos municipios discorre algunhas das rutas apostólicas. Totum Revolutum é o nove do espectáculo de novo circo co que o público amesán poderá gozar, a partir das 13:00 horas, na praza situada entre a rúa Agro do Medio e Rosalía de Castro.

A compañía Vueltos de Rosca presentaba no ano 2013 o espectáculo Totum Revolutum. Dende entón este espectáculo protagonizado por Andrés Vázquez de Prada e Beatriz Rubio leva xirando por numerosas prazas galegas, viaxado alén dos Pirineos e chegado ás rúas de Austria, Alemaña ou Suíza. Todo comeza cun espectáculo de rúa aparentemente normal, até que as dificultades técnicas obrigan aos seus integrantes a superarse unha e outra vez. Beatriz Rubio e Andrés Vázquez mesturan aquí diferentes modalidades de circo: clown, acrobacia de dúo, equilibrio de mans e danza. Este domingo, ás 13:00 horas, presentarano ao público do Milladoiro. A praza no que terá lugar o espectáculo está situada detrás da oficina de Correos do Milladoiro, entre a rúa Agro do Medio e a avenida Rosalía de Castro.

A través do programa Cultura no Camiños Ames acolleu catro espectáculos diferentes, todos eles gratuítos para o público e cofinanciados entre a Xunta de Galicia e o Concello de Ames. Ademais dos distintos espectáculos circenses que tiveron lugar en Bertamiráns e no Milladoiro no municipio actuaron o grupo musical de recente formación De Vacas e a cantante Sés, no Pazo da Peregrina, e o espectáculo “As fillas Bravas” de Chévere tivo a praza da Maía como escenario.