[29-08-2018] Este venres, 31 de agosto, Xoán Curiel e a Banda Son d2 chegan á Casa da Cultura do Milladoiro co seu espectáculo musical, A Casa do Terror, onde combinan cancións, coreografías, elementos teatrais e de clown e moita interacción co público. As entradas para a obra son de balde, e xa se poden retirar na @Billeteira, a través da páxina web do Concello de Ames.
A Casa do Terror xira en torno a un grupo de amigos que se ve obrigado a pasar a noite nunha casa encantada, situación que dará pé a unha serie de divertidas e arrepiantes aventuras nas que se porán en valor tanto a amizade como a superación dos medos. Estas andanzas estarán marcadas por unha serie de orixinais personaxes, que farán posible que o medo sexa enfocado dende un punto de vista divertido.
O espectáculo, que se representará na Casa da Cultura do Milladoiro este venres, 31 de agosto, ás 18.00 horas, está dirixido a un público infantil e chega ao Milladoiro no marco do programa FalaRedes 2018.
Este programa, organizado pola Xunta de Galicia, ten como obxectivo promover o uso e a valoración do galego nos concellos que pertencen á Rede de Dinamización Lingüística, como é o caso de Ames. Está dirixido a un público infantil e familiar. A entrada é de balde, pero haberá que facer a reserva de convites a través da Billeteira virtual do Concello de Ames.




