[30-03-2017] Este sábado, 1 de abril, ás 18:00 horas, na Casa da Cultura de Bertamiráns representarase o espectáculo A galiña azul, do programa FalaRedes da Xunta de Galicia, unha adaptación teatral feita por Ubu Teatro do conto de Carlos Casares, coa vontade de transmitir a importancia da defensa da lingua, das diferenzas e da liberdade de expresión, a través da narración oral, dos monicreques e do clown. A entrada para este espectáculo é gratuíta ata completar o aforo. Os convites de entrada pódense adquirir na Billeteira electrónica ou na Casa da Cultura de Bertamiráns dende unha hora antes do inicio do espectáculo.
O concello de Ames acolle esta fin de semana unha das actividades do FalaRedes, o programa de dinamización lingüística que impulsa a Xunta de Galicia, por medio da Secretaria Xeral de Política Lingüística, nos concellos da Rede de Dinamización Lingüística (RDL). Deste xeito, o auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns acollerá este sábado, 1 de abril, ás 18:00 horas, o espectáculo A galiña azul, unha adaptación que a compañía Ubú Teatro fai do emblemático libro de Carlos Casares.
A primeira actividade deste FalaRedes 2017 quere ser tamén unha homenaxe ao autor a quen a Real Academia Galega lle dedica este ano o Día das Letras Galegas: Carlos Casares. A adaptación teatral do libro A galiña azul está pensada para o público entre os 6 e os 10 anos e as súas familias. A obra, publicada por vez primeira en 1968, é un libro de referencia na historia da literatura infantil galega. Contén cinco historias entrelazadas que transmiten valores tan importantes como o respecto pola diversidade lingüística, a importancia das diferenzas ou a liberdade de expresión.
Para iso, a compañía responsable da adaptación, Ubú Teatro, emprega diferentes técnicas, como a narración oral, o uso de monicreques ou o clown. Cada familia asistente recibe, ao final da actividade, un exemplar do libro A galiña azul, nunha edición especial para a RDL. Baixo xestión da Editorial Galaxia, esta actividade do FalaRedes poderase gozar esta primavera, en exclusiva, en 21 concellos galegos. Coma sempre no FalaRedes, a entrada é libre e de balde ata completar a capacidade das salas.
Teatro infantil: Baila, Roque, Baila
Por outra banda, este venres, 31 de marzo, continúa a programación teatral no concello de Ames. A Casa da Cultura do Milladoiro acolle, ás 18:00 horas, o espectáculo da compañía Baobabteatro: Baila, Roque baila, que está dirixido a un público infantil a partir dun ano. Baila, Roque baila é un espectáculo de teatro e contos dinámico, divertido e participativo onde os contos e os bailes teñen cabida.
As entradas para esta obra de teatro están á venda na Billeteira electrónica. Tamén se poden mercar as entradas, de xeito anticipado e presencial, nas Casas da Cultura do Milladoiro e Bertamiráns, dirixíndose aos postos de conserxería e coa axuda dos técnicos do departamento de Cultura, de luns a venres, en horario de 10:00 a 13:00 horas. Ademais, resérvase o 10% das entradas para vender de xeito presencial unha hora antes do comezo do espectáculo.