Pestanas principais

O espectáculo de teatro infantil “A danza da choiva” represéntase este venres en Bertamiráns

Mércores, 31 de xaneiro de 2018

[31-01-2018] A programación teatral do Concello de Ames continúa este venres, 2 de febreiro, coa representación do espectáculo de teatro infantil “A danza da choiva”. Dirixida a un público entre os tres e os nove anos, a peza aborda o que acontecería se, de súpeto, deixase de chover para sempre. A obra, que é un espectáculo de teatro xestual, con danza, manipulación de obxectos e monicreques, será representada na Casa da Cultura de Bertamiráns. Haberá dúas sesións: unha escolar ás 12:30 horas e unha sesión xeral ás 18:00h. As entradas xa están dispoñibles na Billeteira electrónica. Así mesmo, tamén se poden mercar, anticipadamente, nas Casas da Cultura do Milladoiro e Bertamiráns, de luns a venres, en horario de 10:00h a 13:00 horas. O 10% das entradas resérvanse, como é habitual, para vender de xeito presencial desde unha hora antes do comezo do espectáculo.

“A danza da choiva” é un espectáculo sen palabras, no que conviven o teatro xestual, a danza, a manipulación de obxectos e monicreques. O tema central é a problemática da auga, expresado a través do fin da choiva. Un tema serio que é tratado a través dunha posta en escena poética e visual, cuxos efectos cómicos, plásticos e oníricos divertirán ao público asistente.

A obra, que é unha produción da compañía Elefante Elegante, conta cos intérpretes María Torres e Gonçalo Guerrero, responsables tamén da autoría, dramaturxia, escenografía e dirección da peza. “A danza da choiva” será representada o venres, 2 de febreiro, na Casa da Cultura de Bertamiráns en dúas sesións: unha escolar ás 12:30 horas e unha sesión xeral ás 18:00 horas.

As entradas xa están dispoñibles na Billeteira electrónica. Así mesmo, tamén se poden adquirir, anticipadamente, nas Casas da Cultura do Milladoiro e Bertamiráns, de luns a venres, en horario de 10:00h a 13:00 horas. O 10% das entradas resérvanse para vender, de xeito presencial, desde unha hora antes do comezo do espectáculo. Cada entrada ten un prezo de catro euros, cun desconto do 50% para persoas maiores de 65 anos, menores de 12 e estudantes con carné.


Contido relacionado


Lindeiros: "A danza da choiva este venres en Ames"