Pestanas principais

O espectáculo A cantar con María Fumaça, liderado pola cantante Uxía Senlle, chega este venres ao Milladoiro

Xoves, 01 de xaneiro de 2015

[01-01-2015] A Casa da Cultura do Milladoiro acolle mañá venres, ás 18:00 horas, o espectáculo infantil A cantar con María Fumaça. A actuación, posta en marcha pola Rede de Dinamización Lingüística, inclúese na programación cultural que o Concello de Ames preparou para este Nadal.

A cantar con María Fumaça é un proxecto musical liderado pola cantante Uxía Senlle, que pretende transmitir unha visión optimista sobre a discapacidade na infancia. A través dos bailes e as cancións queren contaxiar a alegría de vivir e conseguir que os máis pequenos da casa asuman comportamentos de tolerancia e igualdade cara aos demais.

Uxía estará acompañada polo acordeonista Santiago Cribeiro e o guitarrista Héctor Lorenzo. Xuntos interpretarán panxoliñas e cancións tradicionais galegas ao longo dunha hora. A entrada para o concerto será gratuíta.