Pestanas principais

O espazo coworking A Proa organiza un evento para emprendedores con motivo do Samaín

Sábado, 29 de outubro de 2022

O espazo colaborativo “A Proa” organiza o próximo mércores 2 de novembro, ás 19:00 horas, un evento para persoas emprendedoras e autónomas. O taller xirará en torno ás dificultades que supón iniciarse no mundo empresarial e os temores máis frecuentes dos emprendedores. Ademais, o coworker Adrián Nieto presentará o seu último proxecto musical para animar a xornada.

Emprendedores e autónomos están habituados a imaxinar terroríficos sucesos antes incluso de comezar a súa actividade empresarial: clientes que terminan dándolles cabazas, tributos protagonistas de pesadelos nocturnos, inspectores de Facenda con aspecto sinistro... Por iso, para festexar o Samaín, o espazo coworking A Proa ofrecerá un evento para explicar nocións  sobre emprendemento.

Durante a charla, que se celebrará o día 2 de novembro ás 19:00 horas, no espazo A Proa (O Milladoiro), impartiranse explicacións sobre os seguintes temas: o calendario fiscal e administrativo, as inspeccións de Facenda e Traballo, os impagos e a morosidade, a falta de conciliación laboral e persoal e os erros no modelo de negocio. Ademais, relataranse historias “terroríficas” sobre emprendemento e xestión de negocios con final feliz. Para rematar, tamén se compartirán textos motivadores de emprendedores de éxito.

O evento contará coa colaboración especial do coworker Adrián Nieto, que ten entre mans un proxecto musical, e se encargará de poñer música de ambiente durante a charla e os relatos. As entradas son de balde e limitadas, polo que é preciso reservalas premendo nesta ligazón.

A concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, explica que “continúan as actividades programadas no centro coworking A Proa. Nesta ocasión, aproveitando a festividade do Samaín, vaise impartir un taller no que se falará de diferentes aspectos da  actividade empresarial aos que teñen que facer fronte en determinados momentos os emprendedores e autónomos. Contarase coa colaboración especial do cowoker, Adrián Nieto, que ambientará o evento con música de ambiente”. 

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "A Proa abordará as peores situacións de autónomos e emprendedores polo Samaín"

Cartel do evento para emprendedores con motivo do Samaín

Multimedia

  • Cartel do evento para emprendedores con motivo do Samaín
  • Cartel do evento para emprendedores con motivo do Samaín
  • Cartel do evento para emprendedores con motivo do Samaín