Pestanas principais

O espazo coworking A Proa ofrece o vindeiro martes, 21 de marzo, un taller sobre escritura

Sábado, 18 de marzo de 2023

O espazo de coworking A Proa, no Milladoiro, organiza para o vindeiro martes, 21 de marzo, o taller “Palabra generadora: aprende a escribir connosco viaxando ao teu pasado”. Trátase dun obradoiro sobre escritura, que correrá a cargo de Gilgleide Kika. Terá lugar ás 10:30 horas, nas instalacións da Proa. A entrada é de balde, e os interesados en asistir poden inscribirse premendo nesta ligazón.

“Palabra generadora: aprende a escribir connosco viaxando ao teu pasado” é unha actividade pensada para todas aquelas persoas que necesitan escribir pero non saben como comezar, e ás que lles costa avanzar nas tarefas que a escritura demanda. O taller enfocarase nas posibles barreiras e dificultades que poidan xurdir, e tratará de proporcionar algunhas claves para mellorar as habilidades escritas dos participantes.

A base sobre a que se traballará será a infancia: as experiencias orixinadas nos primeiros anos de vida, a conexión co mundo interior de cadaquén... En definitiva, buscarase que os asistentes escriban sobre os seus recordos latentes como exercicio para abrirse a novas oportunidades e ser capaces de fiar as ideas con máis fluidez. Para iso, utilizaranse os métodos das palabras xeradoras (de Paulo Freire) e da escritura reparadora (de Graciela Chatelain).

A encargada de impartir a sesión será Gilgleide Kika de Andrade, doutora en Educación pola Universidade de Santiago de Compostela que conta cun mestrado en Lingüística Xeral e é licenciada en Filoloxía Portuguesa.

A concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, sinala que “o centro de coworking A Proa suma un novo taller á súa oferta, que terá lugar o vindeiro martes, 21 de marzo. Trátase dunha sesión coa que se busca orientar aos asistentes sobre as técnicas de escritura e resolver as dificultades que poidan xurdir. Cabe recordar que este mes, tamén no local da Proa, o director de produción Andrés Rozados impartirá outro obradoiro sobre o proceso de creación de documentais. Será o mércores 29”.

A actividade “Produción de documentais: o caso de Entroidar”, o mércores 29 de marzo no local da Proa
O espazo de coworking tamén acollerá, o vindeiro mércores 29, o taller “Produción de documentais: o caso de Entroidar”, que será impartido por Andrés Rozados, creativo e produtor audiovisual. A sesión compoñerase dunha parte expositiva na que se abordarán distintos aspectos sobre a produción documental (a idea, o público, o plan de financiamento, o proceso...), e dunha parte máis lúdica, que finalizará coa proxección dunha peza sobre o Entroido de Laza, Entroidar. As persoas que queiran anotarse poden facelo premendo nesta ligazón.

Ámbolos dous eventos terán lugar nas instalacións da Proa, un espazo de traballo colaborativo que ten como obxectivo ampliar os servizos de apoio a iniciativas emprendedoras, proxectos empresariais ou iniciativas de autoemprego. A instalación está pensada para que persoas autónomas e emprendedoras compartan espazos, fomentando a economía social e colaborativa e o espírito de comunidade. As instalacións están situadas na entrada do parque empresarial do Milladoiro (Rúa das Hedras, 2).

Para máis información sobre as actividades do espazo A Proa pódese consultar a súa páxina web, www.espazoaproa.gal.

Cartaz do novo obradoiro da Proa, que se celebrará este martes, día 21