Pestanas principais

O espazo coworking A Proa celebrará o vindeiro 16 de febreiro un taller sobre esixencias legais para emprendedores

Xoves, 02 de febreiro de 2023

O espazo de cowoking A Proa, no Milladoiro, organiza para o vindeiro xoves 16 de febreiro o taller “Mínima legal viable”, que versa sobre as esixencias legais coas que deben cumprir as persoas emprendedoras, que será impartido polo avogado José Sendín. Terá lugar ás 12:00 horas, no local do centro A Proa. A entrada é de balde, e os interesados en asistir poden inscribirse premendo nesta ligazón.

O obradoiro “Mínima legal viable” xirará arredor dos elementos esenciais que todo emprendedor debe coñecer, así como dos matices necesarios para que un proxecto empresarial cumpra coas esixencias legais. Celebrarase o xoves 16 de febreiro, ás 12:00 horas, e é gratuíto. Para asistir cómpre inscribirse premendo nesta ligazón.

O evento correrá a cargo de José Sendín Rodríguez, avogado de Sistemius, un bufete especializado no dereito das novas tecnoloxías. Sendín adicou a súa carreira profesional ao asesoramento legal ás empresas con base tecnolóxica, elaborando contratos de desenvolvemento de software e redactando as súas licenzas; así como auditando páxinas web e acordos de confidencialidade, sempre co obxectivo de facer máis comprensible o sistema legal.

A concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, explica que “o centro de coworking A Proa está a organizar un novo taller para emprendedores, que vai ter lugar o xoves 16 de febreiro. Esta vez, enfócase nos aspectos esenciais que un proxecto debe cumprir para reunir as esixencias legais, polo que pode ser de gran interese para os emprendedores e para todas as persoas que aspiren a selo”.

A Proa, un espazo colaborativo no Milladoiro
A Proa é un espazo de traballo colaborativo que ten como obxectivo ampliar os servizos de apoio a iniciativas emprendedoras, proxectos empresariais ou iniciativas de autoemprego. A instalación está pensada para que persoas autónomas e emprendedoras compartan espazos, fomentando a economía social e colaborativa e o espírito de comunidade.

O local está localizado na entrada do parque empresarial do Milladoiro (Rúa das Hedras, 2), e conta con 400 metros cadrados, tres salas de xuntas, aulas de formación e eventos, unha zona de recepción, outra de reprografía, de descanso, aseos e un vestíbulo. O espazo pertence á Rede Provincial de Espazos de Traballo da Deputación da Coruña. Para obter máis información pódese consultar a súa páxina web.

Novas relacionadas:

AMS GO!: "Obradoiro sobre esixencias legais para emprendedores o día 16 no Milladoiro"

Cartaz da actividade do espazo colaborativo