Pestanas principais

O espazo coworking A Proa acolle dúas novas actividades durante os meses de novembro e decembro

Martes, 22 de novembro de 2022

O espazo coworking A Proa organiza este outono dúas novas actividades dirixidas a persoas emprendedoras e autónomas. O primeiro dos obradoiros, “Wordpress en acción”, celebrarase este xoves, 24 de novembro, e nel ensinaranse conceptos básicos sobre a creacións de páxinas web. O xoves 1 de decembro terá lugar un encontro de networking no que se reunirán profesionais do mundo dixital e tecnolóxico.

O espazo colaborativo “A Proa”, situado na rúa das Hedras, na entrada do parque empresarial Novo Milladoiro, continúa co seu ciclo de actividades. Estes novos obradoiros chegan despois dos talleres de lingua portuguesa e de iniciación no mundo empresarial que se celebraron o pasado mes de outubro.

Este xoves, 24 de novembro, ofrecerase a actividade “Wordpress en acción”, un taller práctico para emprendedores no que os participantes poderán aprender a configurar unha páxina web básica. Será ás 12:00 horas no espazo do coworking, e estará impartido pola deseñadora web Luján Kubrusli.

Entre todos os asistentes sortearase unha web, e o gañador poderá desfrutar de maneira gratuíta da configuración e do deseño dos que se fará mostra no taller. A entrada á actividade é gratuíta, aínda que as prazas son limitadas e é necesario inscribirse premendo nesta ligazón.

Por outra banda, o 1 de decembro celebrarase o I Encontro dixital 2022, unha actividade dirixida a profesionais do mundo dixital e tecnolóxico que servirá para que deseñadores, marketers dixitais, editores e programadores se unan para compartir coñecemento e experiencia sobre o sector, e tamén para coñecer a outros profesionais da zona. Celebrarase ás 18:00 horas, tamén no espazo coworking, e estará organizado por Luján Kubrusli e Isabel Viñas, deseñadora web en Impulsa Dixital. A entrada, tamén de balde, pódese conseguir premendo nesta ligazón.

A concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, destaca que “o pasado 5 de outubro comezou un novo ciclo de obradoiros que se imparten no centro de coworking A Proa. Desta volta vaise a impartir esta semana un obradoiro de wordpress e o vindeiro xoves, 1 de decembro, celebrarase o primeiro Encontro dixital 2022, que está dirixido a profesionais do mundo tecnolóxico”.

A Proa, un espazo colaborativo no Milladoiro
A Proa é un espazo de traballo colaborativo que ten como obxectivo ampliar os servizos de apoio a iniciativas emprendedoras, proxectos empresariais ou iniciativas de autoemprego. A instalación está pensada para que persoas autónomas e emprendedoras compartan espazos, fomentando a economía social e colaborativa e o espírito de comunidade.

O local está localizado na entrada do parque empresarial do Milladoiro (Rúa das Hedras, 2), e conta con 400 metros cadrados, tres salas de xuntas, aulas de formación e eventos, unha zona de recepción, outra de reprografía, de descanso, aseos e un vestíbulo. O espazo pertence á Rede Provincial de Espazos de Traballo da Deputación da Coruña. Para obter máis información pódese consultar a súa páxina web.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "A Proa une a profesionales del ámbito digital el jueves 1"

Este xoves, 24 de novembro, celebrarase un taller de iniciación na creación de webs

Multimedia

  • O espazo coworking A Proa acolle dúas novas actividades durante os meses de novembro e decembro
  • O espazo coworking A Proa acolle dúas novas actividades durante os meses de novembro e decembro