Pestanas principais

O espazo colaborativo A Proa organiza un obradoiro para impulsar a internacionalización das empresa do Concello de Ames

Mércores, 29 de novembro de 2023

O vindeiro 5 de decembro o espazo colaborativo A Proa, situado no Milladoiro, acollerá un seminario sobre o programa ICEX Next, impulsado por LEILOIO International, para favorecer a expansión internacional das empresas do Concello de Ames. O consultor homologado polo Instituto de Comercio Exterior de España (ICEX) no 2018 e empregado de LEILOIO, Luis Pombo Pereira, será o encargado de presentar o programa e de explicar como poden adherirse a el as empresas amesás. O obradoiro impartirase de 9:30 a 11:00 horas.

En relación con este acordo de colaboración, a concelleira de Promoción Económica, Ana Paz García, amosouse satisfeita “do traballo conxunto que está a realizar o Concello de Ames cos coworkers que integran actualmente o espazo colaborativo de A Proa, así como do impacto que van ter no municipio os distintos proxectos presentados”.

O obradoiro
LEILOIO International, unha compañía galega que ofrece asesoramento en operacións comerciais internacionais e formación técnica, conta con experiencia en máis de 40 países dos cinco continentes e agora busca impulsar a expansión internacional das PEMES do Concello de Ames coa presentación do programa ICEX Next. No seminario falarase dos requisitos que deben cumprir os interesados e das principais características do programa (introdución e/ou análise do modelo de negocio ou plan de negocio internacional, entre outras). Os beneficiarios do ICEX Next poderán contar con ata 24.000€ para impulsar a súa estratexia de internacionalización. As solicitudes para adherirse ao programa poderán presentarse ata o 20 de decembro.

Os interesados/as en participar neste obradoiro poderán anotarse en espazoaproa.gal, na sección de eventos.
 
Vinculación co banco de horas dos coworkers de A Proa
Este proxecto faise con cargo ao banco de horas que cada un dos coworkers de A Proa ten asignado para a realización de actividades para o Concello de Ames. Así, no momento no que os/as coworkers solicitan ocupar un posto no espazo colaborativo comprométense a investir unha serie de horas en beneficio do concello e achegar outras horas para desenvolver proxectos en común co resto de coworkers.

O encargado de impartir o seminario, Luis Pombo Pereira, licenciado en Ciencias Políticas e Maxíster en Dirección de Comercio Exterior pola Facultade de Económicas da USC,  conta actualmente cun posto no espazo no espazo colaborativo A Proa, polo que este obradoiro faise con cargo ao seu banco de horas.

Outros coworkers xa pecharon coa corporación municipal os seus proxectos: unha interiorista comprometeuse a participar como xurado nos concursos de decoración de Nadal que organiza o Concello este ano e outro/a coworker elaborará un vídeo. O resto de proxectos iranse pechando nas vindeiras semanas.

Novas relacionadas:

AmesGo: "Seminario sobre internacionalización de empresas no espazo A Proa do Milladoiro"

O espazo colaborativo A Proa organiza un obradoiro para impulsar a internacionalización das empresa do Concello de Ames

Multimedia

  • O espazo colaborativo A Proa organiza un obradoiro para impulsar a internacionalización das empresa do Concello de Ames