Pestanas principais

O espazo colaborativo A Proa celebrará o vindeiro xoves, 4 de maio, unha charla sobre podcasting e marca persoal

Xoves, 27 de abril de 2023

O espazo de coworking A Proa, no Milladoiro, organiza para o vindeiro xoves, 4 de maio, unha charla sobre podcasting e marca persoal. Terá lugar ás 11:30 horas, nas instalacións da Proa, e estará impartido por María José Bermúdez. A entrada é de balde, e os interesados en asistir poden inscribirse premendo nesta ligazón.

O podcasting é unha canle de comunicación que serve de aliada para emprendedores, empresas e marcas persoais. Pódese empregar como ferramenta de marketing para impulsar negocios e aumentar ingresos.

Por outra banda, o podcasting permite “falar ao oído” con clientes potenciais, ademais de comunicar os valores e puntos poderosos dunha empresa. Na charla explicarase como utilizar esta ferramenta para mellorar o negocio, desenvolver a súa propia voz e chegar ao cliente ideal, favorecendo a conexión emocional.

Ao remate, haberá tempo para resolver todas as dúbidas que xurdan, ademais de para compartir casos de éxito e consellos prácticos. As persoas interesadas en asistir poden inscribirse premendo nesta ligazón.

A concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, sinala que “o mes de maio arrinca cunha nova actividade do espazo A Proa, que organiza habitualmente talleres abertos para emprendedores. Desta volta ofrécennos unha conferencia sobre o podcasting, unha ferramenta en expansión que pode servir para impulsar un negocio. Animamos a todas as persoas interesadas nas novas tecnoloxías, o marketing e a comunicación a que acudan”.

A Proa, un espazo colaborativo no Milladoiro
A Proa é un espazo de traballo colaborativo que ten como obxectivo ampliar os servizos de apoio a iniciativas emprendedoras, proxectos empresariais ou iniciativas de autoemprego. A instalación está pensada para que persoas autónomas e emprendedoras compartan espazos, fomentando a economía social e colaborativa e o espírito de comunidade.

O local está localizado na entrada do parque empresarial do Milladoiro (Rúa das Hedras, 2), e conta con 400 metros cadrados, tres salas de xuntas, aulas de formación e eventos, unha zona de recepción, outra de reprografía, de descanso, aseos e un vestíbulo. O espazo pertence á Rede Provincial de Espazos de Traballo da Deputación da Coruña. Para obter máis información pódese consultar a súa páxina web.

Cartaz da charla de podcasting que terá lugar o 4 de maio