- Tematica
O vindeiro martes, 15 de setembro, o espazo colaborativo A Proa acollerá dúas actividades sobre transformación dixital e Intelixencia Artificial dentro do “Rede Coworking Fest”, unha semana dedicada a promover a innovación, a colaboración e a cultura emprendedora a través dunha ampla variedade de actividades e propostas culturais e formativas nas que participan os diferentes espazos de traballo que integran a Rede Provincial de Coworking da Deputación da Coruña e que se desenvolverá entre o 14 e o 20 de setembro. Para asistir a ditas actividades, é preciso inscribirse previamente a través desta ligazón.
As instalacións do espazo colaborativo A Proa, no Milladoiro, acollerán dúas actividades da “Rede Coworking Fest 2026”, unha iniciativa posta en marcha por primeira no ano 2024 e que desta volta terá lugar do 14 ao 20 de setembro polos 11 espazos de traballo que integran a Rede Provincial de Coworking da Deputación da Coruña, que acollerán máis de 100 horas de actividades gratuítas. Pódese consultar a programación completa na seguinte ligazón.
O obxectivo desta semana é dar a coñecer os espazos de traballo da provincia, ademais de ofrecer a oportunidade de participar en diferentes formacións, obradoiros, conferencias e eventos destinados a potenciar a colaborción e a aprendizaxe entre profesionais de distintos sectores. Deste xeito, a “Rede Coworking Fest 2026” contará cunha ampla variedade de iniciativas e propostas, destacando nesta edición o empredemento, innovación e colaboración no ámbito rural.
A concelleira de Promoción Económica e Innovación, Ana Belén Paz, destaca que “o noso obxectivo é dar a coñecer as posibilidades que presentan os espazos de coworking e a súa importancia, sendo grandes impulsores da economía de proximidade. Iniciativas como o “Rede Coworking Fest 2026” permiten potenciar a colaboración entre emprendedores, freelancers e pequenas empresas”.
No caso do espazo colaborativo A Proa, situado no parque empresarial do Milladoiro, acollerá o vindeiro martes, 15 de setembro, dúas actividades sobre transformación dixital e Intelixencia Artificial. A primeira delas, o relatorio “SCAYLE: Impulsa a transformación dixital da túa empresa” dará comezo ás 09.00 horas, e servirá como presentación da entidade SCAYLE, os seus servizos e como pode acompañar ás pemes, autónomos e persoas emprendedoras nos seus procesos de dixitalización.
Deseguido, de 10.00 a 11.00 horas, desenvolverase a xornada “Evolución de OneHealth DataSpace: Introdución á Factoría de IA 1HealthAI”. Nela darase a coñecer esta infraestrutura europea de Intelixencia Artificial orientada ao concepto “One Health” (unha soa saúde), pensada para achegar e facilitar o uso de solucións de IA avanzadas ás empresas e proxectos do sector.
En ambas actividades as portas estarán abertas tanto a profesionais, como a empresas e persoas emprendedoras interesadas en explorar novas vías de colaboración e dixitalización. A asistencia aos relatorios é de balde, sendo necesaria a reserva de praza a través da seguinte ligazón.







