Pestanas principais

O espazo colaborativo A Proa acolle tres actividades estratéxicas durante o próximo mes de decembro

Domingo, 30 de novembro de 2025

O espazo colaborativo A Proa, situado no parque empresarial Novo Milladoiro, programou para o mes de decembro tres actividades de aprendizaxe nas que haberá presenza de profesionais de éxito co obxectivo de formar a autónomos e empresas e crear un ambiente de networking no que os emprendedores poidan establecer sinerxías e estreitar relacións sectoriais. Todas as actividades se desenvolverán no Espazo colaborativo A Proa. A entrada para todas as actividades é libre e gratuíta. As inscricións poden facerse na páxina web de A Proa.

A concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, sinala que “durante o mes de decembro o espazo colaborativo A Proa organiza tres actividades estratéxicas. Haberá dúas actividades formativas sobre cuestións de relevancia en materia de financiamento e orzamentos; mentres que outra das sesións estará destinada ao networking e o estreitamento de relacións entre coworkers actuais e antigos membros da comunidade. Animamos a todas as persoas interesadas a que se inscriban e acudan”.

O mércores 3 de decembro, ás 10.00 horas, será o primeiro dos eventos. A asesora fiscal Ibtissam Mahboub, “Issa”, impartirá a formación “Financiamento, Axudas e Subvencións”, dirixida tanto a autónomos como a empresas. Unha oportunidade que se presenta como única para estar ao día de todas as subvencións e axudas dispoñibles actualmente en Galicia e poder sacar partido delas, grazas á información práctica e actualizada que achegará a asesora. “Issa” conta cunha ampla experiencia no eido fiscal con anos de andadura acompañando a empresas na xestión fiscal, optimización dos recursos e planificación estratéxica. Ademais, desde o 2021 lidera a súa propia asesoría, LENA Consultores, a cal ten moita presenza en Galicia, Madrid, Baleares, Barcelona e Andalucía.

Seguidamente, o mércores 10 de decembro, ás 10.00 horas, será a quenda da formación “Orzamento Comercial con Gamma”, un obradoiro de dúas horas enfocado a emprendedores, profesionais de venta e equipos comerciais, no que se ensinará a elaborar correctamente orzamentos de calidade profesional dun xeito sinxelo e rápido mediante Gamma, unha potente ferramenta impulsada por Intelixencia Artificial. Os asistentes adquirirán as habilidades para transformar información básica nun orzamento completo e ben estruturado a nivel visual e funcional.

As xornadas finalizarán o próximo venres, 12 de decembro, ás 12:00 horas, co evento “Networking – Encontro da Comunidade e Portas abertas”, onde se reunirán coworkers actuais e antigos membros da comunidade para reforzar ligazóns persoais e profesionais e fomentar un ambiente xerador de sinerxías entre profesionais de distintos sectores. 

A Proa, un espazo colaborativo no Milladoiro
A Proa é un espazo de traballo colaborativo que ten como obxectivo ampliar os servizos de apoio a iniciativas emprendedoras, proxectos empresariais ou iniciativas de autoemprego. A instalación está pensada para que persoas autónomas e emprendedoras compartan espazos, fomentando a economía social e colaborativa e o espírito de comunidade.

O local está localizado na entrada do parque empresarial do Milladoiro (Rúa das Hedras, 2), e conta con 400 metros cadrados, tres salas de xuntas, aulas de formación e eventos, unha zona de recepción, outra de reprografía, de descanso, aseos e un vestíbulo. O espazo pertence á Rede Provincial de Espazos de Traballo da Deputación da Coruña. Para obter máis información pódese consultar a súa páxina web.

Novas relacionadas: 

El Correo Gallego: "O espazo A Proa programa tres citas formativas para empresarios"

La Voz de Galicia: "A Proa programa actividades formativas en O Milladoiro durante diciembre"

O espazo colaborativo A Proa acolle tres actividades estratéxicas durante o próximo mes de decembro