Pestanas principais

O espazo colaborativo A Proa acolle novas actividades formativas durante o mes de abril

Domingo, 12 de abril de 2026

O espazo colaborativo A Proa, situado no parque empresarial Novo Milladoiro, programou para o mes de abril novas actividades de aprendizaxe co obxectivo de formar a autónomos e empresas e crear un ambiente de networking no que os/as emprendedores/as poidan establecer sinerxías e estreitar relacións sectoriais. A inscrición para todas as actividades é libre e gratuíta. As inscricións poden facerse na páxina web de A Proa.

A concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, sinala que estas actividades “estarán abertas a todas as empresas, persoas autónomas ou particulares que queiran asistir”. Ademais, a concelleira quixo resaltar que “estas actividades están dirixidas a informar á veciñanza e que esta poida consultar as dúbidas que se poidan ter”.

As actividades comezarán o vindeiro venres 17 de abril, ás 12.00 horas co Free Coworking mensual de portas abertas. Unha cita pensada para volver conectar, compartir experiencias e seguir fortalecendo a rede que dá vida ao espazo colaborativo. Reuniranse coworkers actuais e antigos membros da comunidade nun ambiente próximo e inspirador, co obxectivo de crear novas sinerxías e abrir oportunidades de networking. 

Será unha ocasión perfecta para reencontrarse, descubrir proxectos, intercambiar ideas e seguir facendo medrar unha comunidade que aposta pola cooperación, o talento e a innovación local. Tamén é unha oportunidade para persoas emprendedoras que estean interesadas en coñecer o Espazo e facer networking, conectar coas persoas que desenvolven os seus proxectos en A Proa.

A seguinte actividade será a formación Como conseguir máis clientes con Google, a túa web e a IA sen complicarte a vida, que se impartirá o vindeiro xoves 23 de abril, ás 12.30 horas. Unha formación práctica para persoas emprendedoras, autónomos e negocios locais que queren gañar visibilidade, transmitir confianza e converter mellor co que xa teñen.

Nesta sesión abordarase, de forma clara e práctica, que é o que mira hoxe un cliente antes de decidirse a escribirlle a un negocio, chamar ou comprar: a ficha de Google, a web, as recensións, as mensaxes e a imaxe que se transmite en liña. Tamén se tratará a temática de como a intelixencia artificial pode ser beneficiosa para os negocios. 

Inscrición nas actividades
Ambas actividades son gratuítas e abertas para calquera persoa. Non obstante, é necesario inscribirse mediante a seguinte ligazón.

Novas relacionadas

Diario de Santiago: "O espazo colaborativo A Proa, en Milladoiro – Ames – acolle novas actividades formativas durante o mes de abril"

O espazo colaborativo A Proa acolle novas actividades formativas durante o mes de abril

Multimedia

  • O espazo colaborativo A Proa acolle novas actividades formativas durante o mes de abril
  • O espazo colaborativo A Proa acolle novas actividades formativas durante o mes de abril