[27-01-2014] A Biblioteca municipal de Bertamiráns acolle este xoves 30 de xaneiro, ás 17:30 horas, a presentación do libro de literatura infantil "Kakarracas", a nova obra do escritor mexicano Eduardo Rojas Rebolledo, que reside en Ames desde o ano 2005. Este acto enmárcase dentro das actividades coas que o Concello de Ames intenta apoiar e promocionar os creadores e creadoras amesáns. O acto estará dirixido por Charo Pita, narradora oral, escritora e animadora á lectura.
O escritor Eduardo Rojas Rebolledo volveu a elixir Ames para presentar o seu novo libro infantil "Kakarracas". Trátase dunha obra que está ilustrado pola súa filla Zoe de seis anos de idade. Dita presentación terá lugar o vindeiro xoves 30 de xaneiro, ás 17:30 horas, na Biblioteca municipal de Bertamiráns. A narradora oral, escritora e animadora á lectura, Charo Pita, será a encargada de realizar a presentación de "Kakarracas".
Eduardo Rojas Rebolledo naceu na cidade de México en 1970, pero creceu ao sur de California. No ano 2000 chegou a Galicia. Despois de estudar e traballar en Santiago de Compostela, en 2005 trasladouse a Bertamiráns, onde reside dende entón.
Rojas Rebolledo estudou historia na Universidade Nacional Autónoma de México (UNAM). É fundador da revista Epitafios. En 1991 obtivo unha mención honorífica no concurso da revista Punto de Partida polo fragmento da novela A doble llave. Textos seus apareceron en Excélsior, El Nacional e Tierra Adentro, entre outras publicacións.
Ao longo da súa carreira, colaborou en diversas publicacións e varios textos seus foron incluídos en antoloxías. A súa primeira novela, A ruta do Aqueronte, foi publicada polo Fondo de Cultura Económica en 2006. Eduardo Rojas Rebolledo tamén é autor de libros de relato de ensaios.




