Pestanas principais

O equipo sub 13 do Bertamiráns FC gañou a Hernani Cup

Martes, 28 de febreiro de 2012

[28-02-2012] O Bertamiráns Fútbol Club, cos nenos nacidos nos anos 2.000 e 1.999, lograron durante as vacacións de Entroido gañar a Hernani Cup, xogada en Porto (Portugal). O equipo sub 13 do Bertamiráns adxudicouse este torneo tras vencer ao Alfenense SC na quenda de penaltis, despois de empatar a un gol no tempo regulamentario. As paradas do porteiro amiense, Fran, e os goles de Marcos e Luismi, permitíronlle ao Bertamiráns FC adxudicarse a Hernani Cup.

O Bertamiráns FC, cos nenos nacidos no 2.000 e 1.999, conseguiu durante este Entroido gañar a Hernani Cup, disputada en Porto. O equipo sub 13 conseguiu vencer ao Alfenense SC na quenda de penaltis, tras empatar a un gol no tempo regulamentario. O equipo amiense estivo encadrado no grupo A co Silves FC, Padroense SC e EF Hernani Gonçalves. O equipo amiense comezou o torneo o luns de Entroido pola mañá. Despois de perder os nervos da estrea, Luismi, con dous tantos, e Marcos, con un gol, conseguiron a vitoria por 3 a 1 fronte o Silves FC.

Despois da comida xogouse o segundo encontro e os rapaces amienses realizaron un gran partido. Neste encontro destacaron varios xogadores do ano 2.000. Salgado, Queiruga, Bertussi, Seijas e Joel contribuíron a que o Bertamiráns FC gañase por 6-0. Neste partido marcaron Marcos, Luismi e Salgado por partida dobre.

Na xornada definitiva do torneo, onde estaba en xogo o liderado e o pase á final, os rapaces amienses lograron a terceira vitoria do grupo. Neste partido tiveron que xogar contra os anfitrións. Finalmente, os rapaces do Bertamiráns FC impuxéronse 3-1 con goles de Marcos, Miguel e Joel.


Tras ser líderes do seu grupo con tres vitorias noutros tantos partidos, tiveron que enfrontarse na final contra a escola do Sporting de Lisboa en Porto denominada Alfenense SC (EAS Alfena). O equipo portugués tiña uns resultados parellos aos do Bertamiráns FC, e así quedou reflectido nun partido que estivo moi igualado.

Os rapaces amienses adiantáronse antes do descanso cun gol de Marcos. Na segunda parte, o rival reaccionou e logrou o empate. A igualdade foi a tónica dominante durante todo o partido e houbo que chegar aos penaltis para decidir o campión da Hernani Cup na categoría sub 13. Tras un quenda de penaltis onde destacaron as paradas do porteiro amiense, Fran, e os goles de Marcos e Luismi, o Bertamiráns FC adxudicouse a Hernani Cup.

O equipo amiense, que gañou a Hernani Cup, estivo composto por Fran na portaría, na liña defensiva xogaron Pablo Seijas, Yago Pérez, Jorge Queiruga e Miguel Castaño, no medio campo estiveron Marcos Mella e Joel Lagares, nos carrís laterais Alex Bertussi, Andrés Forján e Luismi Fenda, e como goleador xogou Jorge Salgado.