Pestanas principais

O equipo E do Bertamiráns FC proclamouse campión do I Torneo de Nadal de Fútbol na categoría prebenxamín

Luns, 08 de xaneiro de 2018

[08-01-2018] O campo municipal de Bertamiráns acolleu a celebración do I Torneo de Nadal de Fútbol Concello de Ames na categoría prebenxamín. O equipo E do Bertamiráns FC culminou un torneo excelente ao dobregar á Escola Estrada de Fútbol Base na final por 4-2, nun partido moi disputado, con moitas alternativas e bo xogo por parte dos dous equipos. Outros tres equipos do Bertamiráns FC, dous equipos da ED Xuventude Oroso e un da SD Negreira completaron o cartel de participantes nesta segunda xornada do torneo, que se iniciara previamente coa disputa dos partidos das categorías infantil, alevín e benxamín.

O equipo E do Bertamiráns e o equipo da Escola Estrada de Fútbol Base amosaron desde o primeiro partido do torneo as súas credenciais para verse na final. Mentres que os locais derrotaban por 7-0 ao Xuventude Oroso B, os estradenses daban conta do equipo D do Bertamiráns, a quen vencían por 0-6. Nos outros dos partidos iniciales, o Negreira derrotaba por 0-2 ao Bertamiráns C e o Xuventude Oroso A facía o mesmo co equipo B do Bertamiráns, cun resultado de 1-5.

Os segundos partidos de cada grupo confirmaron as sensacións previas. No grupo A, o Bertamiráns E impoñíase con claridade ao Bertamiráns C (0-4) mentres que o Negreira daba conta do Xuventude de Oroso B cun marcador de 0-2. No grupo B, a Escola Estrada de Fútbol Base derrotaba por 4-1 ao Xuventude de Oroso A, mentres que noutro duelo local, o equipo B do Bertamiráns conseguía a vitoria fronte ao equipo D, cun marcador de 0-3.

Bertamiráns E e Negreira xogábanse o pase á final do torneo na disputa do terceiro partido da fase do grupos e o equipo local non deu opción ao seu rival, conseguindo a goleada do torneo ao impoñerse por un contundente 11-0. Nese grupo A, o equipo C do Bertamiráns conseguía o seu primeiro triunfo ao derrotar por un axustado 0-1 ao Xuventude de Oroso B. No grupo B, a Escola Estrada de Fútbol Base non tivo problema para dobregar ao equipo B do Bertamiráns cun resultado de 5-0, o mesmo marcador que conseguía o Xuventude de Oroso A fronte ao Bertamiráns D.

O equipo E do Bertamiráns FC e a Escola Estrada de Fútbol Base chegaron á final do torneo logo de gañar os tres partidos da fase de grupos. Os locais chegaron ao último partido despois de marcar 22 goles e non recibir ningún nos tres choques anteriores. Os de A Estrada tamén amosaron o seu gran nivel tras marcar 15 goles e recibir só un na fase de grupos. A final non defraudou a ninguén e os dous equipos amosaron o nivel de partidos anteriores. Nun choque con alternativas e bo fútbol, o equipo E do Bertamiráns proclamouse campión deste I Torneo de Nadal ao derrotar aos da Estrada por un axustado 4-2.

Cateorías infantil, alevín e benxamín
Previamente á disputa do torneo en categoría prebenxamín, os campos municipais de fútbol do Milladoiro e Bertamiráns acolleron o desenvolvemento da primeira xornada nas categorías benxamín, alevín e infantil. Nesta última categoría resultou gañador o equipo Atlético Riveira, mentres que o equipo C do Bertamiráns FC acadou o subcampionato. Na categoría alevín, o equipo C do Bertamiráns FC foi o gañador tras derrotar na final á ED Xuventude Oroso. Na categoría benxamín, o equipo gañador foi o Victoria CF, mentres que o equipo C do Bertamiráns FC quedou en segunda posición. Os equipos gañadores recibiron un trofeo colectivo. Todas as nenas e nenos participantes recibiron, igualmente, un obsequio por parte do Concello de Ames.