- Tematica
O Campus Tecnolóxico Cortizo, en Padrón, acolleu este xoves 5 de marzo a cuarta xornada de clasificación da fase de zona do Club de Debate Alingua 2026. En dita xornada participaron 7 equipos entre os que se atopaban tres equipos de Ames, dous do IES de Ames de Bertamiráns e un do IES do Milladoiro, que competiron contra tres equipos do IES de Cacheiras e un do CPI dos Dices de Rois. O IES do Milladoiro conseguiu a primeira posición cun total de 323 puntos, polo que se clasifica para a fase final que se celebrará no mes de abril.
O concello de Ames estará representado na fase final do Club de Debate Alingua 2026. O equipo do IES do Milladoiro conseguiu a primeira posición cun total de 323 puntos, logrando deste xeito a clasificación para a fase final que se celebrará no mes de abril. Ademais, na segunda posición quedou o equipo do CPI dos Dices de Rois con 285 puntos. Os equipos do IES de Ames, de Bertamiráns, quedaron en en cuarta e quinta posición con 250 e 237 puntos. Para a fase final clasifícanse os equipos que quedan en primeira posición en cada fase de zona e os tres mellores segundos.
Dos institutos amesáns participan arredor de 40 alumnos/as e 4 profesores/as que formaron tres equipos, un equipo do IES do Milladoiro e dous do instituto de Bertamiráns. Os tres equipos de Ames competiron este pasado xoves, 5 de marzo, na fase de zona que se celebrou no Campus Tecnolóxico Cortizo, en Padrón, contra equipos do IES de Cacheiras de Teo e do CPI dos Dices de Rois.
Do 2 ao 6 de marzo un total de 37 equipos, formados por alumnado de educación secundaria e bacharelato e procedentes de centros educativos de 13 concellos, competiron por un lugar na gran final do Club de Debate Alingua. Trátase de alumnado de 3º e 4º de ESO e 1º de bacharelato, ou cursos equivalentes dos ciclos formativos, dos concellos participantes, que integra equipos formados por grupos dun máximo de 10 membros e que contan cun docente que se encarga de adestrar, asesorar e representar o equipo.
“O estilo de vida actual é nocivo para a saúde mental da xente nova”. Esta é a afirmación, xurdida das propias suxestións de temáticas que achegaron os centros educativos participantes, sobre a que, a favor e en contra, debateron os equipos convocados a esta fase previa. O alumnado puxo sobre a mesa os seus mellores argumentos para, arredo desa afirmación, convencer o xurado de que a súa liña argumental era a mellor exposta.
Coma en edicións anteriores, durante cada unha das xornadas, cada equipo participante tivo que debater en dúas quendas, nunha quenda defendendo a postura “a favor” e na outra a postura “en contra” da tese proposta. Un xurado integrado por cinco profesionais de diversas áreas puntuou as intervencións dos equipos.
Proxecto de dinamización lingüística
O Club de Debate Alingua fomenta a creación de espazos de socialización e convivencia para activar a lingua e promover o uso oral do galego. A iniciativa está promovida pola Asociación de Entidades pola Lingua Galega (Alingua), e na súa edición 2026 está apoiada polos concellos de Ames, Arzúa, Betanzos, Carballo, Ferrol, Narón, Pontedeume, Pontevedra, Rois, Santa Comba, Santiago de Compostela, Teo e Vilagarcía de Arousa.
Como programa cooperativo, ademais de darlle alento ao uso do galego, a través de xornadas de formación, traballo de investigación e ensaio, e intensas xornadas de debate con espazos para o lecer, o Club de Debate tamén promove o espírito crítico, a tolerancia e o traballo en equipo na mocidade.
Un dos sinais de identidade do Club de Debate Alingua é tamén a organización, máis aló do propio espazo competitivo, de dinámicas de interacción que mesturan o alumnado dos diversos equipos participantes ao longo das xornadas, co obxectivo de fomentar o espírito deportivo, a solidariedade, responsabilidade e compañeirismo.







