[26-02-2016] O equipo de rodaxe de "Cuestións persoais", programa de Agallas Films producido para a Televisión de Galicia, desprázase o domingo 28 de febreiro ao parque situado ao carón da rúa Arrucheiro, preto da Travesía da Peregrina. Os membros do equipo convidan ás familias amesás a achegarse cos seus fillos e fillas a partir das 17:00 horas para participar nunha gravación que terá cabalos e aos pequenos e pequenas de protagonistas.
Trátase dunha actividade que se retransmitirá dentro do programa "Cuestións persoais" realizada coa colaboración de Cabalería Darúa, na que se ofrece aos veciños e veciñas que se acheguen a oportunidade de coñecer un pouco máis de preto o mundo do cabalo. Nenos e nenas poderán montar a cabalo e interactuar cos animais, acariciándoos ou peiteándoos sempre baixo supervisión.
O programa "Cuestións persoais" comezou a súa andaina no ano 2015, no que o equipo de Agallas Films empezou a rodar. Nel búscase aportar ferramentas aos espectadores e espectadoras para aprender a afrontar circunstancias adversas que se lles presentan a case todas as persoas algunha vez ao longo da súa vida: enfrontamentos familiares, problemas laborais ou rupturas matrimoniais.




