[07-05-2018] O pasado sábado, 5 de maio, o Auditorio de Ferrol acolleu a fase final do Club de Debate 2018, na que participaron seis equipos finalistas procedentes de diferentes centros educativos de secundaria (CPI Eusebio Lorenzo Baleirón de Dodro, IES Xulián Magariños de Negreira, IES Luis Seoane de Pontevedra e IES de Ames). Do instituto de Bertamiráns participaron os equipos Abrapalabra e Apalabrando, gañadores da fase de zona de Ames que se celebrou no mes de marzo . O tema escollido para a final foi “As Tic favorecen o uso do galego”. Após a realización dos debates, o equipo Abrapalabra obtivo a primeira posición nas clasificacións, mentres que o Equipo 1 do IES Xulián Magariños de Negreira acadou o segundo posto e o grupo do CPI IES Eusebio Lorenzo Baleirón o terceiro. O premio da fase final consistirá nunha viaxe multiaventura dunha fin de semana para vinte persoas.


A fase final do Club de Debate celebrouse o pasado sábado, 5 de maio, no Auditorio de Ferrol. Nesta fase participaron seis equipos procedentes de diferentes centros de ensino: CPI Eusebio Lorenzo Baleirón de Dodro, IES Xulián Magariños de Negreira, IES Luis Seoane de Pontevedra e IES de Ames. Os equipos Abrapalabra e Apalabrando foron os grupos gañadores da fase de zona de Ames e, polo tanto, os equipos que este sábado participaron na fase final. Os grupos participantes nesta última fase do Club de Debate tiveron que debater acerca de se as TIC favorecen ou non o uso do galego.
A xornada rematou ás 19.00 horas, momento no que se deron a coñecer as puntuacións finais acadadas por cada equipo. O grupo Abrapalabra do IES de Ames obtivo 353,00 puntos; o Equipo 1 do IES Xulián Magariños acadou 347,50 puntos; o grupo do CPI Eusebio Lorenzo Baleirón conseguiu 303,50 puntos; o equipo Apalabrando do IES de Ames sumou 301,00 puntos; o Equipo 2 do IES Xulián Magariños obtivo 298,50 puntos; e por último, o equipo do IES Luis Seoane acadou 282,50 puntos. Desta maneira, o grupo Abrapalabra acadou a primeira posición da fase final do Club de Debate. Este equipo estivo conformado polas alumnas do IES de Bertamiráns Paula Pérez, Marta Rey, Elena Martínez, Eva Santamaría, Carmen Valiño, Sara Pérez e César Asensi. Os preparadores deste grupo foron os profesores Sergio Filgueira e Carlos Negro.
O premio desta fase consiste nunha viaxe multiaventura dunha fin de semana para vinte persoas. Con ela, as mozas e mozos participantes achegaranse ao patrimonio lingüístico a través de actividades lúdicas nas que o idioma terá un papel fundamental, en coherencia co obxectivo principal do proxecto, que é promover o uso da lingua, nomeadamente a lingua oral en contextos formais e informais.
Nesta sétima edición do Club de Debate, o xurado estivo conformado pola técnica de Normalización Lingüística do Concello de Narón, Adela Pita; pola escritora e directora da biblioteca pública das Pontes, Anabel Alonso; pola profesora de Lingua Galega, Mercedes Torres; polo comunicador audiovisual, Daniel Vilaverde Framil; e pola avogada, Tania Esperante. Unha vez finalizada a xornada, os membros do xurado eloxiaron o nivel dos debates e mostraron a súa admiración polo enorme e valente traballo dunhas rapazas e rapaces que, sendo tan novos, conseguiron defender axeitadamente e en público argumentos tanto en favor como en contra do tema proposto.

Contido relacionado

La Voz de Galicia: "O IES de Bertamiráns gaña a final do Club de Debate en disputada pugna co de Negreira"
El Correo Gallego: "O alumnado amesán arrasa nos certames literarios e de debate"
Compostela 24 Horas: "El equipo Abrapalabra del IES de Ames gana el Club de Debate 2018"




