Pestanas principais

O Entroido Lúdico 2019 arrinca con 124 participantes e un programa centrado no patrimonio cultural galego

Martes, 05 de marzo de 2019

[05-03-2019] Este luns, 4 de marzo, comezou unha nova edición do programa Entroido Lúdico, co que o Concello de Ames procura axudar ás familias a compatibilizar a vida laboral e familiar ofrecendo actividades matinais ás crianzas do segundo ciclo de infantil e de educación primaria. Este servizo de conciliación, no que están a participar un total de 124 nenos e nenas, conta con servizo de Bos días e comedor. Nesta edición, buscase poñer en valor o patrimonio cultural galego e animar a cativos e cativas a participar das festas tradicionais.


O Entroido é unha das festas máis arraigadas e variadas do patrimonio cultural galego, con celebracións que varían en función das costumes do pobo galego que se visite. Así, durante os días 4, 5 e 6 de marzo un total de 124 nenos e nenas están a participar en sesións nas que a música e a tradición literaria do entroido son as protagonistas. Todo elo co obxectivo de poñer en valor o diverso e rico patrimonio oral, literario e musical galego.

Así, os 59 nenos e nenas que asisten ao servizo no Milladoiro e os/as 65 que participan en Bertamiráns, viaxarán polos distintos Entroido galegos a través de cantigas e refráns e pequenas explicacións por parte das monitoras/es. Por elo, as nenas e nenos terán que compoñer a súa propia composición, que debe ser imaxinativa e froito do traballo en equipo, e que se encargarán de cantar na festa do Entroido do mércores 6, coa que o programa se despedirá ata o vindeiro ano.

Asemade, os cativos/as tamén crearon o luns o seu propio meco de Entroido, que os acompaña en cada unha destas veladas festivas que están a realizar. Sen embargo, neste programa lúdico tamén teñen cabida as propostas das nenas e nenos, que van decidindo que xogos e actividades prefiren facer en cada momento. Con estas iniciativas, non só se busca que os nenos e nenas coñezan e participen desta festa dunha forma activa e alegre, senón tamén que traballen a tolerancia e a igualdade de sexos, esperten a súa ilusión e favorecer o seu desenvolvemento imaxinativo con personaxes que provoquen situacións divertidas e curiosas a través de veladas compartidas cos compañeiros e compañeiras, ademais dos monitores e monitoras.

O concelleiro de Educación e Cultura, David Santomil, destaca que "Ames segue a ser un referente nos programa de conciliación en Galicia. A través deste programa preténdese cubrir as necesidades de conciliación das familias amesás durante as vacacións escolares de Entroido. Este programa está funcionando moi ben. Dende 2016, ano no que se inscribiron preto de 50 rapaces e rapazas, practicamente triplicouse a matrícula neste programa, chegando este ano aos 124 usuarios/as".

O Entroido Lúdico é unha iniciativa que lle facilita aos pais e nais conciliar a súa vida laboral coas vacacións dos seus fillos, mentres estes ocupan o seu tempo libre dunha maneira educativa e divertida. Este programa de conciliación únese así aos xa ofertados de xeito regular ao longo do ano, como son o Nadal Lúdico, a Primavera Lúdica, o Xuño Lúdico e mailo Setembro Lúdico, que se suman a outras iniciativas de conciliación como a Escola de Verán.



Contido relacionado


Compostela 24 horas: "O Entroido Lúdico 2019 arrinca con 124 participantes e un programa centrado no patrimonio cultural galego"