- Tematica
O auditorio de Galicia, en Santiago de Compostela, acollerá este luns, 19 de maio, ás 11.30 horas, a entrega de premios da oitava edición do certame Enreguéifate, unha cita na que o IES do Milladoiro, xunto co CEE Manuel Navalón, recibirá o seu galardón á regueifa máis inclusiva. O vídeo premiado denomínase Radio Regueifa Inclusiva “Somos diferentes, somos referentes” e nel o alumnado de ambos os dous centros regueifa conxuntamente e a través das ondas para demandar inclusión, diversidade, respecto e non discriminación.
Este luns, o auditorio de Galicia, en Santiago de Compostela, acollerá, a partir das 11.30 horas, a entrega de premios da oitava edición do Enreguéifate, un certame no que o IES do Milladoiro recibirá o galardón á regueifa máis inclusiva polo seu proxecto, en colaboración co CEE Manuel Navalón, Radio Regueifa Inclusiva “Somos diferentes, somos referentes”.
O proxecto do centro amesán en colaboración do CEE Manuel Navalón de Santiago, ten como eixo central valores tan importantes como a inclusión, a igualdade e a non discriminación, así como a unión entre o alumnado de ambos os centros. Pódese ver o vídeo completo na seguinte ligazón.
Ao acto do vindeiro luns asistirá o alumnado de máis de vinte colexios e institutos de toda Galicia e do País Vasco. Así mesmo, o evento estará conducido polo mestre, músico e regueifeiro, Manolo Maseda; o mestre, escritor e regueifeiro, Séchu Sende; e as formadoras do Enreguéifate Lupe Blanco, Josinho da Teixeira, O Rabelo, Nuria das Cruces e Xairo d’Herbón. No evento participará alumnado improvisador de máis de dez centros escolares e haberá tamén música da man da Orquestra da Regueifa, formada por alumnado do IES do Milladoiro e o IES Antonio Fraguas de Santiago de Compostela.
O evento ademais será unha celebración conxunta co Regueibertso, un programa apoiado pola Deputación da Coruña que busca a sensibilización lingüística xunto coa difusión da regueifa e o bertsolarismo entre a xente nova. Xurdido en 2016 dentro do Proxecto Regueifesta, colectivo educativo da Asociación ORAL, o Regueibertso consiste nun intercambio entre alumnado improvisador de Galicia e do País Vasco.
O Enreguéifate é un proxecto posto en marcha polos concellos de Ames, Carballo, Pontevedra, Santiago de Compostela e Teo que ten como obxectivo apoiar á difusión da improvisación oral en verso (coñecida como regueifa), para contribuír deste xeito á promoción e difusión do uso da lingua galega. Unha das finalidades principais do proxecto é poñer aos máis mozos en contacto con esta modalidade da improvisación oral, así como achegarlles o uso galego.
Listaxe completa dos gañadores do Enreguéifate 2025:
Categoría xeral
• Regueifa máis brava: Paco Felípez e Óscar García, "Veciños ben levados" (Carballo e Malpica)
• Regueifa máis aguda: Arrieiro e Chaminho, "Video-regueifa atlántica" (Malpica e A Coruña)
• Regueifa máis diversa: Escola da Regueifa de Carballo, "A nosa propia melodía" (Carballo)
• Regueifa máis reivindicativa: Ministras, "Se nós fósemos ministras" (Pontevedra)
• Regueifa mellor falada: ex aequo para Guerreiras regueifeiras, "Cidades galegas" (Santiago de Compostela), e Iria e Javi, "Vivan as nosas poetas" (Santiago de Compostela)
• Regueifa mellor cantada: Asociación Cultural Coro Virxe da Renda, "Cantar e desfrutar" (Poio)
• Regueifa máis inclusiva: Teiseiros Regueifeiros, "Non hai quen viva! Regueifa do alugueiro" (Centro de Inclusión Fundación da Santa Cruz en Vigo)
• Regueifa máis entroideira: premio deserto
Categoría escolar
• Regueifa máis brava: Os falabarato, “CEIP Plurilingüe de Nétoma-Razo” (Carballo)
• Regueifa máis aguda: 6º B Quiroga Palacios, "Regueifa do banquete" (CEIP. P. Cardeal Quiroga Palacios, Santiago de Compostela)
• Regueifa máis diversa: Regueifeiras do Rosalía, "Regueifa pola diversidade" (IES Plurilingüe Rosalía de Castro, Santiago de Compostela)
• Regueifa máis reivindicativa: Regueifeiras do Camballón, "Altri non! Mina non!" (IES Marco do Camballón, Vila de Cruces)
• Regueifa mellor falada: A cuarta revolta, "Continuemos co legado" (CPI As Revoltas, Cabana de Bergantiños)
• Regueifa mellor cantada: Regueifeiras de Dodro, "Emoción ou razón?" (CPI Eusebio Lorenzo Baleirón Tarrío, Dodro)
• Regueifa máis inclusiva: Radio Regueifa Inclusiva, "Somos diferentes, somos referentes" (IES do Milladoiro / CEE Manuel Navalón, Ames e Santiago de Compostela)
• Regueifa máis entroideira: As Entroideiras, "O Entroido galego" (CEIP San Martiño, Pontevedra)
Novas relacionadas:
Diario de Santiago: "O Enreguéifate celebrará este luns a entrega dos galardóns deste ano, no que o IES do Milladoiro levou o premio á regueifa máis inclusiva"