Pestanas principais

O dúo cómico Mofa e Befa representa na Casa da Cultura de Bertamiráns a obra Cociña Económica

Mércores, 11 de xaneiro de 2012

[11-01-2012] A programación teatral no Concello de Ames continua este venres 13 de xaneiro na Casa da Cultura de Bertamiráns coa obra Cociña Económica, de Mofa e Befa. Esta peza teatral ten unha duración de 60 minutos. Mofa e Befa poñen os seus mandís, arremánganse e métense na cociña a facer o que eles mellor saben, que non é nin fritir un ovo nin preparar unha caldeirada de bertorella, nin tan sequera pelar patacas. Cociñan as risas que lle arrincan ao público. Dous xeitos de cociñar diferentes: o da cociña económica, onde non se aforra nada e onde se practica a liberalidade absoluta cos ingredientes e o da cociña.

O dúo cómico Mofa e Befa, formado por Evaristo Calvo e Víctor Mosqueira, actúa este venres, 13 de xaneiro, no auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns. O espectáculo que porán en escena titúlase Cociña Económica e ofrecerá algunhas ideas (máis ben desatinadas) para aforrar á hora de facer a comida. A función comezará as 21:00 horas.Trátase dun sketch no que se recrea un estudio de televisión onde se está gravando un programa de cociña. Vaise reproducir o esquema que se segue en tantos programas nos que un cociñeiro de gran prestixio presenta á audiencia (que seguindo o ronsel destes programas suponse maioritariamente feminino) unha receita de execución simple e custo reducido. Neste programa Cociña Económica realízanse pratos de cociña internacional utilizando, exclusivamente, desfeitos sacados de colectores, pois o lema do programa é: Todo se come. Nada se Tira.
A sinopse da peza teatral explica que o programa de hoxe estará dedicado á cociña tropical. O presentador, Mofa, conta cun invitado especial, Tio Reveriano, quen preparará unha receita caribeña cos ingredientes que trae nunha bolsa de lixo. Distintos elementos sairán da bolsa e entre eles haberá algúns que non deberían estar alí: envases plásticos, metais, papel... Cada vez que o condutor do programa extrae un destes envases da bolsa propíciase un xogo entre el e o invitado que leva a que se transmita a idea de que é necesario separar para reciclar e que cada un dos residuos ten un lugar de destino apropiado. Deste xeito o espectador de Cociña Económica recibe repetidas veces información sobre o modo en que se realiza o agrupamento destes residuos e en que colectores se depositan.

A confección do prato vólvese disparatada e finalmente na bandexa que vai ao forno entra un cueiro usado, unha lata de aceite, unha lata de conservas, un envase de plástico, verduras, carne e todo o agarimo e o amor que hai que pór á hora de confeccionar un suculento prato para degustar en familia. Vemos así como o tío Reveriano e Mofa, tras moitos incidentes conseguirán presuntamente facer un prato incomestible pero moi barato. A presentación final sorprende a todos moi favorablemente.